Santiago Freire: «Gustaríame un goberno máis colaborativo, pero á parte diso, fixemos grandes logros»

NOIA

O rexedor noiés encara a recta final dun mandato inesperadamente complexo
01 may 2022 . Actualizado a las 05:05 h.Parafraseando a Feijoo co seu «Galicia, Galicia, Galicia», no caso de Santiago Freire podería dicirse que na súa cabeza só cabe unha cousa: Noia, Noia, Noia. O alcalde noiés é consciente de que o ano que queda por diante ata as próximas eleccións municipais pode ser decisivo para que repita no cargo, pero iso non o desvía das súas prioridades: «Vou dedicar todo o tempo e esforzo a seguir conseguindo investimentos e actuacións para o Concello». Está satisfeito do traballo feito ata o momento e espera que, chegada a hora da cita coas urnas, os veciños o valoren.
—Achégase o final dun mandato ben estraño...
—Vanse cumprir tres anos de mandato e é inevitable facer referencia a unha situación de pandemia que afectou a gran parte deste período e que está a ter unhas consecuencias a posteriori que aínda seguiremos arrastrando uns meses. Foi unha situación nova e imprevista na que houbo que ir adaptándose sobre a marcha, pero, honestamente, creo que saímos bastante airosos.
—Entramos en ano electoral, e por experiencia é sabido que conforme se acercan as eleccións empezan a aparecer as présas por facer obras, que actuacións teñen apuro en Noia?