Manuel Blanco Ons: «A crise na Xustiza é absoluta, non lle importamos a ninguén»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O delegado en Noia do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña afirma que o covid amosou que o sistema xudicial non é prioritario para a sociedade

27 mar 2023 . Actualizado a las 19:21 h.

Con Manuel Blanco Ons (Noia, 1964) poderíase estar falando durante horas sobre economía, filosofía, artes, ou mesmo sobre o futuro da sociedade occidental do século XXI. Pero desta volta toca facelo pola súa condición de delegado en Noia do Colexio Provincial de Avogados da Coruña. Sen pelos na lingua, escapando da visión politicamente correcta, explica como se atopa o sistema de Xustiza, o cal coñece á perfección logo de máis de tres décadas como letrado.

—Cal é o diagnóstico da Xustiza?

—A pandemia veu engadir parálise por enriba da parálise. Xa era un proceso ralentizado, pero agora móvese por pura inercia. A parálise é brutal. Acumúlase a famosa folga coa pandemia. Na miña opinión a crise na Xustiza é absoluta, non lle importamos a ninguén.

—É a gran esquecida?

—Absolutamente. A propia cidadanía non ten interese en que se solucione. Só cando lle toca directamente. Se fallan a sanidade ou a educación, a xente ponse en pé de guerra. Cando estivo oito meses en folga a Xustiza, non importou.

—Hai un motivo?

—É evidente que o cidadán non o considera un servizo fundamental. Veo como algo de avogados, alleo á vida cotiá, cando é todo o contrario. Falamos moito de solidariedade, pero non entendemos que o sistema público ten que funcionar ben aínda que ti non o utilices. As autovías teñen que estar ben aínda que non as uses; os hospitais, igual; a escolas, o mesmo. No resto de Europa iso non pasa, a sociedade é máis esixente.

—E como letrados, como lles afectou a pandemia?

—Foi terrible. No noso caso, dende que comezou, os ingresos deste despacho puideron caer nun 35 %. Vivimos de procesos que non son de agora, que colliches fai tres ou catro anos, que che zafan o ano, pero o fluxo de traballo, aínda que non se detivo, si se foi freando. Hai menos litixios. A xente vai menos ao xulgado, e iso que os problemas de familia medraron coa pandemia.

—Debido a que?

—Pola necesidade de convivir xuntos. Había xente que tiña xa problemas e saltou todo polo aire. Produciuse unha catarata de asuntos por problemas de convivencia. Pero a dificultade agora é que non hai unha reactivación económica clara. As vilas están sufrindo un proceso de deterioro. En Barbanza a única que aguanta é Boiro porque na maior parte das familias hai dous ingresos. Creo que veñen anos complicados.

—E os xulgados da comarca, como funcionan?

—Moi lentos. Toda a Administración está paralizada. Van ralentizados dunha maneira brutal. Parece que entraron na escusa de pida cita, veña vostede mañá, como o artigo de Mariano José de Larra. «Falta un selo», «É no despacho A3». A Administración invádeo todo. Cando eu comecei a traballar e facías un contrato, o importante era que as cláusulas estiveran ben redactas. Agora o primeiro que miran son as repercusións fiscais. Xa non importa a problemática de dous individuos que fan negocios, senón que a efectos fiscais terei diante unha Administración que che di: «Paga, paga, paga».

—Dicíame esta mesma semana un funcionario que Hacienda é a única Administración que funciona ben neste país.

—Sempre digo de broma que unha ditadura agora non precisa dun KGB, senón dunha Hacienda. Coa consideración ademais de que con eles non existe presunción de inocencia se non demostras o contrario. Cada vez hai máis conflitos contra a Administración. Non me importa dicir que é depreciativa cara o cidadá, porque o considera un mero paganini. Algunha xente está disposta a pelexar, pero iso require unha fortaleza económica. Porque se che meten unha multa de 600 euros e o avogado che sae por 600, non a recorres. É mellor pagar a multa coa redución, aínda que sexa inxusta, porque é máis barato.

—A Xustiza é cara?

—A Administración encárgase de encarecela. O 90 % das sancións non se recorren, non hai unha axuda real para que o cidadá poida defenderse.

«Coa pandemia, a xente apela á violencia con máis facilidade»

O letrado noiés non obvia ningunha das cuestións polémicas dos últimos tempos.

—Funciona a xustiza gratuíta?

—Dentro do sistema que hai, que non é o correcto, funciona razoablemente ben. Son partidario de que, como en Estados Unidos, cada xulgado tivera os seus avogados gratuítos, que fosen funcionarios. Aos privados cárgasenos cun traballo que se nos paga mal. Eu renunciei, porque ademais das esixencias pagan o que a eles lles dá a gana e cando lles dea a gana. Prefiro ser eu o que decide a quen lle dou un servizo sen pagarlle. A largo prazo non é sostible. Non se pode converter aos clientes en coellos de indias.

—Como se atopa a problemática de violencia de xénero?

—O problema existe. A muller nesta sociedade, historicamente, foi unha gran maltratada. Pero ocorre que, a xente moza, a pesar de criarse nuns valores de igualdade, ten unha idea da relación sentimental preocupante. E elas igual. A miña muller é xuíza e nunca tivo problemas para facer unha carreira e unha profesión, sempre estivo convencida da igualdade de dereitos. Pero as rapazas novas aceptan determinados controis e abusos que son inconcibibles. Empezo a ser maior e non entendo o que ocorre. Coa pandemia, a xente apela á violencia con máis facilidade, tanto á física como á verbal.

—E como ve a problemática de delitos na comarca?

—Extremadamente tranquila, non se pode facer propaganda negativa porque non é certa. Noia é máis tranquila que Ribeira, que sempre foi máis problemática, pero nada que ver coas zonas do sur. Pode ocorrer unha traxedia, ou que apareza un elemento pernicioso, pero xa non hai aquelas bandas de ladróns de antes, ou zonas problemáticas nas que había moito tráfico de drogas. Iso está bastante mitigado. Recordo nos 90 como a Conlleira era un foco de delincuencia. A nosa zona é moi tranquila, nada que ver cunha gran cidade. Pero é que o éxodo agora é que todo o mundo marcha ás cidades. O futuro é perigoso, non creo que nos próximos 20 anos Barbanza medre.