Os gremios de Noia durante o medievo

XERARDO AGRAFOXO

NOIA

cedida

Exportación de peixe, venda de produtos agrarios e artesanía eran os piares económicos

27 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Grazas ás laudas do cemiterio de Santa María de Nova e ás ordenanzas dos Foros de Noia, podemos coñecer os principais oficios que se desenvolvían no Portus Apostoli nos tempos do medievo: mercadores (comercializaban o peixe e os seus derivados), mestres de naos (eran os patróns ou oficiais das embarcacións), mariñeiros (participaban como navegantes de altura no comercio naval), peixeiros (constituían a man de obra non cualificada que traballaba nos barcos), paneiros (regulaban este produto no mercado), curtidores (unha actividade moi desenvolvida na vila), ferreiros (comercializaban este produto) e carpinteiros navais (dedicábanse á construción de navíos e barcos).

A carón destas tarefas e das funcións comerciais e industriais, tamén se desenvolveron dentro do casco antigo outros oficios menos especializados, pero máis vinculados coa necesidade de abastecer unha poboación urbana en constante crecemento e cun grao de consumo cada vez máis elevado: carniceiros, xastres, zapateiros e carniceiros.

Noia foi durante a Idade Media un porto que construíu a súa riqueza sobre tres eixos: a exportación de peixe, a venda dos seus produtos agrarios e a fabricación dunha artesanía —calzado e vestidos— que abastecía a súa contorna da Terra de Santiago.

Nomes do rueiro

A tendencia dos gremios a agruparse nos arrabaldes da vila determinou que se conserven no rueiro algúns nomes, como Lagares, Pelamios, Cuncheiros, Besteiros, Mazacanabos, Tonelaría, Zapatería, Tripería ou Carnicería, que identifican as diferentes actividades que se desenvolveron naquela época. Nun tempo marcado pola inestabilidade social —pestes, guerras e fame—, os gremios buscaron no seo da igrexa seguridade e protección. Así, ao redor da igrexa de Santa María a Nova, xurdiu no século XIII a Confraría dos Clérigos da Concepción, un fato de relixiosos independentes da parroquia de San Martiño que decidiron unirse para defender os seus dereitos e intereses fronte aos organismos gremiais de carácter laico e protexerse fronte á crise que sufriu Castela na segunda metade do século XIII. Toda Galicia padeceu nesta época unha forte crise económica que trouxo consigo a fame que se localizou sobre todo nas clases máis pobres.

Magníficos edificios urbanos

A importancia de Noia durante a Idade Media tamén se pode constatar polos seus magníficos edificios urbanos. Entres eles destaca o Pazo Dacosta construído no 1339, tal como reza na inscrición gravada na súa fachada: «ESTAS CASAS MANDOU FACER V (A) S (CO) DACOSTA. E(RA) D (E) M.CCC.LXXVII».

Tamén destacaba pola súa robustez a Casa da Xouba, situada detrás da ábsida ameada da igrexa parroquial de San Martiño; o Pazo do Bispo, que amosa uns soportais e un balcón con arco que cruza a rúa do Forno do Rato; a Casa do Rosa e o Pazo dos Churruchaos, situado na Praza do Tapal. Á parte destas rexas edificacións, tamén existían na vila tres hospitais: o máis antigo era o Lazareto, fundado na marxe esquerda do Traba no ano 1304; no século XIV ergueuse na outra banda do río o Hospital do Sancti Spiritus ou Hospital de Afora, e no interior do recinto histórico construíuse no ano 1476 o Hospital de Sancti Spiritus de Adentro.

Os gremios desenvolveron unha intensa actividade comercial no casco histórico de Noia