Soledad Agra Tuñas, elixida nova responsable do BNG na bisbarras de Muros e Noia

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Soledad Agra
Soledad Agra

Obtivo o apoio da totalidade da asemblea nacionalista

20 nov 2021 . Actualizado a las 18:02 h.

O BNG continúa coa renovación dos seus órganos de dirección, tanto a nivel comarcal como local, despois da asemblea nacional na que Ana Pontón foi reelixida como voceira do Bloque Nacionalista Galego. Deste xeito, a militancia nacionalista tomou a decisión de nomear á outense Soledad Agra Tuñas como nova responsable da formación nas bisbarras de Muros e Noia.

O acordo adoptouse nun encontro celebrado o venres, no que Agra Tuñas obtivo o apoio da totalidade da asemblea. De igual xeito, a sonense Patricia Torrado Queiruga ocupará o cargo de viceresponsable no territorio da ría de Muros-Noia.

O consello comarcal do BNG completouse con outras dez persoas das localidades de Porto do Son, Lousame, Noia, Outes, Muros e Mazaricos. De igual xeito, foron designadas oito suplencias.

O proceso segue

O proceso de renovación continuará coa elección das persoas que terán a responsabilidade a nivel local en cada municipio. Todas elas pasarán a completar posteriormente o órgano executivo do BNG de Muros e Noia.

Tras resultar elixida, Soledad Agra remarcou a «importancia de dar unha resposta conxunta ás problemáticas comúns dos seis concellos». Falou da necesidade de «levar a cabo políticas que solucionen os problemas do día a día da xente».

Agra tamén fixo especial fincapé en que hai que facer presión «para que se poñan en marcha proxectos que fagan medrar á nosa comarca».