Manel Monteagudo, o mariño que volveu dun mar de soños convertido en poeta

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / AGENCIA

NOIA

Acaba de publicar un libro de poesía e prosa e xa ten outros 15 comprometidos

25 sep 2021 . Actualizado a las 14:19 h.

A vida de Manel Monteagudo vén pode argumentar un interesante libro e, de feito, el mesmo sabe que é así, como puxo de manifesto na presentación do poemario De mariño a poeta, no acto de apertura de temporada de Barbantia que tivo por escenario as magníficas instalacións da Sociedade Liceo de Noia. Monteagudo anunciou que esta mesma semana firmou un contrato para sacar 15 poemarios nos vindeiros 15 anos, un por ano, e reserva para si poñer negro sobre branco os avatares da súa vida.

 Ao ritmo que leva este creador nado na parroquia de Cando, pero moi vinculado a Noia, vai romper todos os rexistros porque chegou á literatura no 2015, da man do volume Reflexións poéticas, autoeditado; seguiu con Camiño á lagoa dos bardos, no 2019; e Mar e vento e De mariño a poeta, neste 2021, e di que xa ten outros dez empezados, que formarán parte do compromiso acadado con Medulia.

 Si esta produción literaria xa é digna de análise, o desembarco na escrita do seu autor non o é menos, porque chegou no 2014, tras permanecer 35 anos en estado case vexetativo a consecuencia dun accidente laboral que sufriu cando tiña 22 anos, ao caer nun barco e golpearse a cabeza. Ata esa desgraza, Manel traballara de mariño, a onde chegou non sen as dificultades e esforzos que lle supuxo saír da súa aldea, dunha familia moi humilde, para ir gañarse a vida, a súa e a dos seus parentes.