Illas tristes

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

NOIA

31 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Acalquera que lle falen da catedral de Santiago imaxina chegar a ela tras centos de casas de pedra que a arrodean, constituíndo o que chaman cariñosamente «a améndoa» (a cidade histórica). Se facemos un exercicio de imaxinación e trasladamos ese templo a unha explanada de Bergantiños, non sería a catedral, nin sería o conxunto histórico. Sería unha illa triste, un obxecto para o espectáculo turístico e relixioso.

O que todos vemos como evidente con este exemplo podemos imaxinalo coas vilas de Noia e Muros, pero non o temos tan claro cando eses centros históricos son os de Fisterra, Muxía, A Pobra ou Rianxo. Nin pensalo nas aldeas, onde nin se nos ocorre chamarlles centro histórico -da aldea-.

Con todo, calquera aldea ou vila ten un centro histórico e débese ver como conxunto coa igrexa e resto de patrimonio. Inseparable para manter a autenticidade. Isto vén a raíz do debate no que moitos pensamos que calquera das casas da zona histórica merece o mesmo respecto patrimonial que a propia igrexa, ou catedral. Esa é a razón pola que cada unha das casas de Muros, Noia ou Santiago ten unha ficha de protección, porque temos que manter todo o conxunto, e non ir perdendo pezas, desafectando o elemento principal do resto. Do contrario, deixa de ser un conxunto.