Un golfiño rebuldeiro fica en Galicia

NOIA

Manoliño, o golfiño rebuldeiro que vive na ría de Muros-Noia
Manoliño, o golfiño rebuldeiro que vive na ría de Muros-Noia Cedida

O cetáceo, de 300 quilos, converteuse nunha atracción de feira para os bañistas dende o verán, pero pode ser un perigo porque é salvaxe

09 jun 2021 . Actualizado a las 10:07 h.

Vaia lea con Manoliño! Este pequeno arroaz salvaxe non quere marchar de Galicia. Sexa polo bo marisco galego ou pola benvida da xente, o feito é que este golfiño ficou nas costas de Galicia e non hai maneira de que marche cunha familia da súa especie.

Quen é e qué fai en Galicia?

Manoliño, ou Confi, é un golfiño mular (arroaz) que apareceu por primeira vez no 2019 na ría de Muros e Noia. Visita con frecuencia o porto do Freixo. Os expertos cren que perdeu a súa manda (familia) e quedou a vivir nas súas augas substituíndo a interacción animal pola interacción cos humanos. Busca agarimos e xogos.

Por que supón un problema?

Manoliño é moi querido na zona, pero é un pouco tundas. Agora que é máis adulto e que xa ten confianza coas persoas, está a xerar problemas a mariscadores, pescadores e submarinistas porque cando pescan teñen que esquivar o golfiño, que insiste en xogar, e cada vez con máis forza. Imaxinade o dano que pode chegar a facer baixo o mar un animal de 300 quilos que bate na auga ou que bota a boca para chamar a atención. Ademais, moitos bañistas xogan na ribeira con Manoliño como se fose unha mascota. Agora chega a tempada de verán, cando se espera que veñan moitos turistas. O risco de que decenas de persoas o rodeen é que podería reaccionar de forma imprevisible.

Que propoñen os expertos para evitar sustos?

O golfiño non é violento, pero ten moita forza e pode acabar facendo dano a alguén sen querer. Por iso as autoridades estudan o peche de praias ou delimitar as zonas de baño para evitar que Manoliño entre na ribeira. Outra posibilidade é instalar advertencias nos areais aos que acode o golfiño para concienciar a xente dos riscos de achegarse a el. Pero iso non funcionou ata agora. De feito, moitos bañistas non fixeron caso das alertas da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que pide que se evite interactuar con el.

Por que está tan afeito ao contacto coas persoas?

Os biólogos din que o problema veu do primeiro contacto que tivo o golfiño cun mariscador de navallas da zona. Fixéronse amigos e, dende entón, Manoliño insiste en xogar con todas as persoas coas que bate na ría, o seu hábitat, sexan mergulladores, piragüistas ou pescadores. Agora é moi difícil facer que se traslade.

O golfiño Manoliño, tamén chamado Confi, na ría de Muros e Noia, onde adoita deixarse ver polos bañistas e pescadores.