Carmen Pérez García, unha armadora de Noia

Aurora Marco

NOIA

Fíxose cargo da empresa Navales Barcia ao morreren seus pais e converteuna nunha das máis potentes

02 jun 2021 . Actualizado a las 16:43 h.

A presenza e a pegada das mulleres na sociedade dos diferentes períodos da historia foi máis ampla e de maior calado do que a primeira vista semella. É ben sabido que o papel que xogaron estivo marcado polo silencio e o esquecemento e os seus contributos tiveron problemas de transmisión e visibilidade. Así aconteceu coas involucradas na actividade mercantil marítima, como é o caso da armadora Carmen Pérez García, máis coñecida como Carmen Barcia, cuxa traxectoria recuperamos hai xa anos.

Filla de Manuel Pérez, da saga asturiana procedente de Barcia (Valdés) -radicada en Noia e dedicada ao comercio marítimo-, Carmen naceu en Noia o 28 de maio de 1902. Ao morreren os pais, co seu irmán Manuel, fíxose cargo da empresa familiar fundada en 1941, Navales Barcia S.L, dedicada á cabotaxe. A súa actividade como armadora espertou a curiosidade dos consignatarios cos que contactaba, que non acreditaban que houbese unha muller á fronte dunha empresa de barcos e achegábanse ás oficinas para comprobar a súa identidade feminina.

Naquela altura a empresa xa tiña o Virgen del Coro e o Barcia -que estivo parado en Valencia dous anos, durante a guerra, xustamente na súa primeira viaxe-. A empresa foi medrando e converteuse nunha das máis potentes do sector. A súa frota pesqueira continuou en aumento co Olga, o Carmen Barcia, varias veces vendido e con diferentes nomes, o Manuel, o Delfina Barcia, o Industrial e o Valentina Barcia. En sociedade con outras persoas tiña parte no Maniños, o Lea e o Coruña. A medias con Dávila e Ascón, mercou un barco grego de 1.200 toneladas, o Georgius Mateas. Os barcos de Navales Barcia S.L facían viaxes desde o porto de Pasajes até Barcelona, pasando por Santander, Xixón, A Coruña, O Freixo, Marín, Vigo, Lisboa, Huelva, Cádiz… Levaban sobre todo madeira e, ás veces, volvían con sal de Torrevella.

De toda esta frota, foi moi coñecido o Olga, barco lagosteiro reconvertido a cabotaxe que chegara de Le Havre, na Bretaña francesa, con sona de ser o máis rápido da zona. Levaba madeira, sal e viño por distintas poboacións (Esteiro, Xixón, Cádiz, Málaga) e ía buscar tellas e arxila a Denia (Alacante). Era o barco co que soñaba -e debuxaba na escola- o poeta Antón Avilés de Taramancos porque o mar e a aventura facían parte das súas fantasías infantís: «…a súa estampa, branca e áxil, dáballe un son mariñeiro de prestancia, un señorío case feminino de barco lixeiro e forte. Barco de moito mar, de longa singradura», escribiría en Nova crónica das Indias. Ao seu popular patrón, Andrucho (Xosé Tobío), un intrépido aventureiro cunha historia de vida chea de avatares e riscos, dedicoulle o relato O bulevar do ron (1987): «…era o capitán dos nosos soños, das nosas aventuras. Era o patrón da nave mítica onde quixéramos navigar».

Carmen Pérez García traballou toda a vida. Comezara aos 11 anos como recadeira no Banco de Vigo de Noia e alí permaneceu dous anos. Posteriormente, implicouse de tal forma na empresa familiar que, como lembrou para nós o seu fillo José Manuel Pérez Pérez, o único día do ano que non traballaba era o Venres Santo pola tarde. Morreu en Noia o 20 de febreiro de 1993.

Carmen Barcia espertaba a curiosidade dos consignatarios