A Semana da Historia de Noia desvelará un misterio sobre os anos santos

Xirará ao redor do ano 1434, cando a igrexa de San Martiño foi consagrada con motivo do primeiro Xacobeo


Un arcebispo, Lope de Mendoza, consagrou en 1434 a igrexa noiesa de San Martiño con motivo da celebración do primeiro ano santo de Compostela, unha celebración cuxas orixes, sen embargo, están fixadas no século XII. Que ocorreu para que durante os tres séculos que separan ambas datas non fora convocado por parte da Igrexa o Xacobeo? Os participantes na décima edición da Semana da Historia, que se celebrará no coliseo Noela entre o 8 e o 15 deste mes, desvelarán este misterio, ao tempo que abordarán outros temas vinculados con esta temática.

A importancia que ten o 1434 na historia de Noia levou, segundo explicou Xerardo Agrafoxo, a ser seleccionado como eixo desta edición dun ciclo de conferencias que arrancaba no 1991 da man de Antón Avilés de Taramancos: «El morreu e, tempo despois, un grupo de historiadores decidimos darlle continuidade á iniciativa, primeiro cunhas xornadas dedicadas a persoeiros importantes da localidade, como María Mariño, Xosé Agrelo ou o propio Avilés, e nas últimas edicións, a feitos destacados».

Será Agrafoxo o que despexe a incógnita sobre os anos santos na primeira das conferencia, fixada para o 10. O sábado anterior terá lugar un percorrido pola vila da man de Iria Caamaño, que incluirá unha intervención artística de Serafín Marcos. O programa das xornadas inclúe relatorios de Marta Cendón, profesora de Arte Medieval que analizará a iconografía da portada principal de San Martiño; Manuel Pérez Mato, que achegará ao público ata a Noia do século XV para falar da súa arqueoloxía; e Rosana Guerra, enxeñeira que explicará o proceso de construción dun templo medieval.

Música e danza

A soprano Esperanza Mara sumarase ao ciclo facendo soar as réplicas que a Concellería de Cultura fixo dos instrumentos que están esculpidos na portada de San Martiño para ofrecer un repertorio de cantigas da Idade Media. E, para o colofón, Suso Xogaina está a preparar un espectáculo audiovisual baixo o título Luces do portus apostoli na ruta xacobea. Nel, entrará en acción a súa filla, Verónica Martínez, directora de Oitos, escola de danza cuxos alumnos realizarán unha montaxe especial sobre as táboas do Noela.

O concelleiro de Cultura, José Pérez, destacou a importancia que teñen estas xornadas na programación que cada ano se deseña en Noia, situándoas como unha das actividades máis destacadas. Argumentou que a súa relevancia queda demostrada, unha vez máis, coa homologación do ciclo por parte da Consellería de Educación como curso oficial.

José Pérez tamén se referiu ao amplo abano de eidos culturais que abranguen, un ano máis, estas xornadas, que fusionarán nunha intensa semana historia, arquitectura, arqueoloxía, arte, audiovisual, música, teatro e danza baixo o título Era de 1434.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

A Semana da Historia de Noia desvelará un misterio sobre os anos santos