Beni Horta, técnico de Caetano e do Mar Noia: «Agora deberían tomarnos en serio»

NOIA

Horta, nas instalación do club adestrando cun grupo de rapazas
Horta, nas instalación do club adestrando cun grupo de rapazas MARCOS CREO

Recoñece que tratan de conseguir fondos para comprar un novo barco para o deportista olímpico

17 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Beni Horta (Noia, 1974) é un dos culpables de que Caetano Horta participe o próximo xullo nos Xogos Olímpicos de Tokio. El foi quen cicelou as primeiras etapas dun mozo que ten un presente e un futuro prometedor. Recoñece a ledicia que sentiu, pero sabe que Mar Noia ten que adaptarse para seguir medrando xunto a el. Queda moito traballo por diante.

-Contento co éxito de Caetano?

-Contento xa é suficiente. Non o esperábamos para agora, tan pronto. Non tiñamos idea de que Rodrigo [Conde] fora a renunciar. Con isto da pandemia díxenlle a Caetano que estivera preparado porque podían pasar mil cousas, que algún membro non puidera ir, que houbera países que se retirasen, que entrase algún barco español máis. E conseguiuno por méritos propios. Puxéronselle moitas cousas a favor, sobre todo que se retrasaran os Xogos. Puidemos presentalo ao Campionato de España absoluta, onde quedou segundo, e tamén que fixera o tempo que pedían os técnicos da federación para o equipo nacional.

-Sorte, e tamén moito traballo.

-Si, si, hai cousas que non se poden deixar escapar. Non era o momento de relaxarse. Na súa categoría é o número un nacional, pero non tiña esa presión de estar no equipo nacional para os Xogos. Si ou si ía ter o seu Europeo e o seu Mundial. Saíu así e creo que vale máis a pena ir a Tokio que todo o demais. Están máis motivados ca nunca. Viron que están a dous segundos dos primeiros e cun pouco máis de esforzo, cun empurrón máis, poden estar na posición de facer algo importante. Iso verase na segunda Copa do Mundo, que irán máis en serio. Na primeira é para facer unha posta a punto.

-Teñen moita marxe.

-Si, é un equipo moi mozo. Todo o que pode facer é mellorar. Os veteranos están nun punto que non poden mellorar moito máis, pero eles no. Os pequenos detalles contan moito.

-Que significa para o club ter un olímpico nas súas filas.

-Como club significa que por fin se nos pode tomar en serio o que facemos. Na nosa zona só se recoñece o banco fixo e incluso nos confunden con padexeiros. Nós somos remeiros, pero da modalidade de remo olímpico. Creo que agora deberían tomarnos en serio, como un deporte de alto nivel. Inflúe o éxito de Caetano, pero xa levaba anos acadando metas. Para os compañeiros é un referente e vemos como entra bastante xente nova. Temos un bo grupo de rapazas alevíns e de cara ao futuro creo que poden facer algo bo. Non se pode descoidar á xente nova.

-Cal é o camiño ao éxito?

-Nós apostamos polo remo olímpico e pola base. Dedicamos a maior parto do esforzo e diñeiro a eles. O problema é que aumenta antes a cantidade de deportistas que de material deportivo. Estamos facendo catro quendas de adestramentos. Aínda que non houbera restricións de aforo teríamos que facelas porque non temos material para todos e haino que compartir. Neste deporte o material é personalizado segundo pesos e características. E é difícil ter barcos para tódolos pesos. Nun batel rema todo o mundo xunto, pero aquí non. Incluso hai que ter remos específicos. Nas competicións axustamos todo en función da persoa que vai a competir. Outra cousa que nos afecta ao ter a Caetano é que os rapaces teñen un referencia. Dende que estamos competindo a nivel nacional, o nivel xeral do club subiu na clasificación nacional. O ano pasado conseguimos medallas no campionato de España de xuvenís e cadete, e no absoluto.

-E para seguir crecendo?

-O principal é o presuposto. É un deporte carísimo. Por poñer un exemplo, o barco que estamos mirando agora custa 10.500 euros, 800 cada remo. Nunca tivemos un desas características. Pero ter un remeiro desta calidade necesita un material acorde. A directiva está buscando patrocinadores e colaboración co obxectivo de mercalo. É un deporte carísimo en canto a material. E logo ter que desprazarse. Como mínimo son 200 quilómetros. Supón moito gasto e loxística para mover material e aos rapaces. Estamos nas 60 licencias, é un equipo bastante numeroso.

-Fan falla patrocinadores.

-O maior patrocinador que temos é o Concello de Noia. Despois hai pequenas empresas do municipio que axudan, pero a hostalería está moi tocada co tema covid. Sempre estamos coxos de diñeiro. As subvencións hai que pagalas antes de recibir o diñeiro, e hai veces que non o hai.

-E seguen mellorando.

-Cando empezamos nisto o que sabíamos era por experiencia. Agora en case tódolos clubs hai xente con INEF, Tafad... E iso é beneficioso para o deporte en xeral. Eu fixen un curso de adestrador nacional de remo e conto co asesoramento de especialistas e continúo formándome. Agora cun máster. O que falta a nivel xeral é poder profesionalizar un pouco o tema dos adestradores. É un dos retos máis importantes. Outra pata coxa é que en Galicia solo existe tecnificación ata xuvenís. De sub-23 para arriba os rapaces marchan. Ou para Bañolas ou Sevilla. Aquí non teñen onde adestrar e estudar.