Suso Valverde: «No mar non hai barreiras, son libre»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

cedida

O moañés converteu o remo nunha maneira de vida, nunha válvula de escape

23 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Suso Valverde (Moaña, 1963) é unha desas persoas que demostran a súa filosofía actuando, non falando. Explica que hai dez anos un accidente deixouno parapléxico, pero en canto puido volveu ao remo. Ese é o deporte que o acompaña ao longo da súa vida e que este sábado volveu darlle un novo metal. Foi a prata no Campionato de España de longa distancia, onde demostrou que con traballo non hai obstáculos nin idade que valan.

-Tivo un bo fin de semana.

-Si, foi unha xornada de chuvia e moito vento, pero a verdade é que todo saíu ben.

-Como rematou fichando polo Mar de Noia?

-Esta é a segunda tempada con eles. Estiven sempre en Meira, pero é un club máis centrado no banco fixo. Ao final ás competicións ía cos de Noia. Ademais conseguíronme un barco novo da federación e trátanme moi ben. Estou cómodo e contento. Son de Moaña, e antes de ter o accidente sempre remei con eles. A raíz do accidente pedín un barco á federación para seguir. Teño o club á porta da casa, pero aos desprazamentos ía eu só e ao final viaxaba cos de Marín, Tui, e neste caso cos de Noia.

-Se non é demasiado saber, que lle pasou?

-Hai dez anos caín dun andamio e quedei parapléxico. Tiven unha lesión medular, e o mellor para isto é facer deporte e estar activo. Entón claro, como remei toda a vida en traíña, non me vía xogando en cadeira de rodas ao baloncesto ou tenis... Coñecía o remo e seguín aí.

-É unha motivación máis.

-Si, correcto. Sempre tes unha motivación para adestrar e non estar parado na casa. Se non, non te moves do sofá.

-E por enriba gañando metais.

-Faise o que se pode porque aos meus anos estou competindo con rapaces de 25 e 30. Dóbrolles a idade, pero as medallas son o de menos. O importante é superarme a min mesmo. Se cae algunha moito mellor. A ninguén lle amarga un doce.

-En Noia din que vostede é un exemplo para os rapaces.

-Se eu podo eles tamén poden, e aínda máis ca min. Os rapaces acostuman a poñer impedimentos: que se chove, que se fai frío, e respóndenlles que «se pode Suso tamén ti». Hai que sobrepoñerse, ter constancia e superarse.

-Que tal levou a pandemia e non poder saír a adestrar?

-Non poder saír á auga afectoume bastante. Deume por comprar un remoergómetro porque xa pensaba que o día menos pensado pechaban o ximnasio. E así foi. Adestrei na casa. Facía as miñas sesións, pero faltábanme as horas de mar. Para min valen moito porque o equilibrio é clave. E tamén para ter mellores sensacións. Aínda que fisicamente esteas ben, fáltache un punto para rodar na auga. Adestrar na casa non é o mesmo. Pero menos é nada.

-Antes falabamos de motivación. Onde atopa vostede a súa?

-En superar as miñas metas e a min mesmo. Agora a idade vai pesando e busco manter as marcas. Non é como cando es un rapaz que sempre vas subindo. De 40 a 50 vas aguantando, de 50 a 60 xa non sei [ri]. Xa non corres, xa andas. Trato de estar aí. Vou máis por sensacións. Se teño un adestramento con tres series, se vexo que non dou na última, pois paro. E se vexo que vou moi ben, pois igual acabo cunhas pesas. Non se trata de morrer no intento.

-Logo do campionato de España, que máis ten por diante?

-Entre marzo e abril ten que celebrarse a Copa Primavera, pero quen o sabe é Beni Horta [o adestrador do Mar de Noia]. Logo sempre hai varias regatas en Portugal, pero con isto do covid non sei se iremos. Logo hai o Campionato de España.

-E canto tempo se ve no mundo do remo?

-Eu mentres o corpo aguante e non teña lesións seguirei. Non sei. Este ano fago 58 anos. Estou ben fisicamente. A idade é un número que está no carné. Miro ás veces aos rapaces e deben pensar, «pero que fai este vello?». Pero síntome ben, e no mar non hai barreiras, son libre. Non hai bordillos. Alí é todo chan. Mentres poida seguirei dando guerra.

-Que lle diría a un rapaz que dubida se facer ou non deporte?

-Dígolle sempre que faga o que lles gusta. Dá igual o deporte que sexa, pero que se enchufen e lle dediquen tempo. É unha válvula de escape. Pódese estudar, traballar e facer deporte. Eu teño chegado canso de traballar e poñía o chándal ou a malla e xa me cambiaba o chip. Xa deixaba de pensar. As preocupacións esquécense. É bo que fagan deporte.