Luis Sanmartín, presidente do Club Atletismo Noia: «Temos claro que somos un club de base»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

marcos creo

Atletas do Atlántico | O noiés aposta por inculcar os valores de sacrificio, paixón e ilusión nos máis pequenos

28 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar do deporte barbancés é en parte falar de Luis Sanmartín (Noia, 1968). Presidente do Club Atletismo Noia, un dos equipos máis activos da zona, leva décadas inculcando os valores do esforzo, traballo en equipo e constancia nas novas xeracións. Nesta entrevista fala dos retos que aínda queren acadar e dun descubrimento: os rapaces volveron a San Lázaro con máis ganas ca nunca. O covid, di, tivo unha cousa positiva na sociedade: pasou a valorar o realmente importante.

-Este non foi un ano sinxelo para ninguén.

-Para nada, pero a pesar das circunstancias que todos sabemos, fomos cumprindo obxectivos. Nas probas que competimos sacamos adiante o que tiñamos previsto, e fixémolo cun número elevado de rapaces. Ademais o último control de marcas que organizamos foi un bo peche de campaña. O vídeo finish que instalou o Concello seguro que vai a revitalizar a competición en Noia.

-Levaban anos esperando por el.

-Si, e agora queremos aproveitalo. Tan pronto puidemos organizamos este control. É certo que o fixemos grazas á boa xestión económica do club, que está centrada en dalo todo polos rapaces e polo atletismo. Iso permítenos sacar adiante as competicións e asumir o seu custo. Non dependemos de ninguén para facer tres ou catro controis ao ano. E cremos que é moi importante.

-Quería preguntarlle pola tradicional San Silvestre, que este ano non se fará.

-Non temos pensado facela polo protocolo que nos obriga a situación actual, e que implicaría que non houbera público, que a xente saíra por grupos e ademais tería que pasar polo control da federación. Non sería como ata agora e preferimos non organizala. E o Concello tampouco ten intención de facela. É unha pena, pero toca esperar para o ano.

-Entón, cales serán os próximos eventos en Noia?

-A federación ten previsto facer un control de marcas a principios de xaneiro e nós outro a finais ou mediados de febreiro. Logo en marzo e abril queremos repetir e coincidindo co San Marcos promover un trofeo. Un torneo. E de cara ao verán, pois outro.

-Hai movemento no club?

-Si, e creo que moito se debe á xestión económica, que é o que nos permite facer todo isto. Para un trofeo igual temos que buscar outros soportes, pero o tema dos xuíces podémolo asumir perfectamente, e iso non o fan todos.

-E que metas ten o club?

-Temos claro que somos un club de base. A nosa labor fundamental é traballar e formar os rapaces, inculcarlles os valores que todos deberíamos ter: Sacrificio, ilusión e paixón. Pensar noutro tipo de club máis centrado na competición absoluta implicaría correr un certo risco económico que, se sae mal, derrúbache todo. Creo que é mellor seguir traballando como facemos, coa iniciación e manternos aí. Temos este ano 170 licencias e con todo o que está caendo é importante que tanta xente siga formando e confiando no Club Atletismo Noia.

-Que tal foi o proceso de axustarse aos protocolos?

-Eu creo que se está demostrando que o deporte ao aire libre é de menor risco que outro tipo de disciplinas. É moi difícil que haxa contaxios e os rapaces están respondendo moi ben. Están moi implicados.

-E cando chove? Porque leva chovendo máis dun mes...

-Traballamos na grada. Adaptámonos. Alí facemos ximnasia e técnica de carreira. O outro día non parou de chover e alí estivemos. Non podes facer tódolos exercicios, pero é gratificante ver como os rapaces non fallan a adestrar e o comprometidos que están. Estano dando todo, estamos alucinados.

-Déronse conta de que isto do atletismo si que os enchía?

-Ao final a pandemia se o pensas ben tamén nos axudou a replantexar cousas da vida mesma. Penso que era demasiado xa, xente que tiña días libres e ía a Cancún, Tenerife ou que compraba teléfonos de 1.000 euros. As necesidades básicas que che fan funcionar son outras. Ao final toda a xente que estivo pechada na casa daría o que fose por saír a camiñar. Nin móbil, nin Tenerife, só saír a camiñar. A paciencia é a nai da ciencia, e cos rapaces tamén hai que ser pacientes.

En curto

Os números. A pesar do covid, o Club Atletismo Noia conta con 170 deportistas

Un trofeo. O obxectivo do 2021 é facer un torneo en San Marcos e outro no verán

Aberto. Sanmartín di que o que queira probar o atletismo pode acercarse sen problema a San Lázaro.