Emma Pedreira álzase co premio de relatos de aventuras Avilés de Taramancos

Conseguiu o galardón, dotado con 3.000 euros, coa obra «Cicatrices do aires»


A escritora coruñesa Emma Pedreira é a gañadora da edición deste ano, a número 19, do certame de relatos de aventuras Avilés de Taramancos, convocado polo Concello de Noia. A autora fíxose co galardón, consistente nun talón por importe de 3.000 euros, a publicación da obra por parte de Toxosoutos e unha escultura de Alfonso Costa, co texto Cicatrices do aire.

Catro escritores integraron o xurado que se encargou de fallar o certame que se organiza cada ano en Noia coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, pero que nesta ocasión sufriu modificacións por mor da pandemia. Trátase de Agustín Agra, Antonio Piñeiro, Mariña Pérez e Xabier Castro. Os tres últimos estiveron presentes no acto no que se deu a coñecer o fallo, ao que tamén acudiu o concelleiro de Cultura, José Pérez.

Xabier Castro foi o encargado de ler a acta do xurado, aproveitando para facer unha mención especial que tivo como protagonista a Lidia Calo, unha ilustradora de Compostela que deseñou o cartel deste ano e que tamén lle poñerá imaxes ao relato gañador: «É unha artista que se dedica ao gran modelismo, unha artista que capta a ollada, a mirada profunda, triste e comunicativa das mulleres».

Pola súa banda, Mariña Rey comentou as particularidades da obra de Emma Pedreira que levaron aos membros da xurado a decantarse por ela: «É un relato misceláneo onde o plano do imaxinario e do simbólico interfire nun ambiente realista da dura represión fascista». Engadiu que a historia transcorre nun escenario de acoso.

A importancia de que un certame destas características se mantivera na actual situación de crise sanitaria foi un aspecto destacado por José Pérez. O concelleiro de Cultura de Noia sinalou que a idea é levar a cabo de cara ao vindeiro ano un acto para entregarlle o premio á escritora galardoada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Emma Pedreira álzase co premio de relatos de aventuras Avilés de Taramancos