«Quero recuperar para a nosa cultura as nanas de tradición oral»

XERARDO AGRAFOXO

NOIA

ABRALDES

A súa voz adobía cada vez máis actos culturais en toda a comarcaEsperanza Mara Soprano

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos, unha voz, lírica e harmónica, adobía con delicadeza os actos culturais que se celebran nos diferentes concellos da nosa comarca. Unha voz que, acompañada polos sons do seu inseparábel violonchelo, están a se converter nun referente artístico nos eidos da Barbanza. Como soprano, Esperanza Mara Filgueira (Noia, 1989) recibiu a Mención Honorífica no Concurso de Mozos Talentos D. Rusell e foi semifinalista no concurso de Música Antiga de Xixón.

?Cando comezou a túa dedicación pola música?

-Moi cedo. Case dende que teño uso de razón, con catro ou cinco anos. Ao principio, prefería mellor bailala que interpretala. Foi algo natural que non gardaba relación co meu contorno familiar.

?E a túa preferencia polo canto?

-Primeiro comecei co canto tradicional, con Felisa Segade, unha compoñente do grupo Leilía, que daba clase na Sociedade Liceo de Noia. Despois seguín coa miña avoa na Coral Polifónica de Noia, dirixida por Manuel González.

?Como noiesa, tamén pasaches polas aulas da nosa vila?

-Claro. Comecei o estudo do violonchelo no Conservatorio Paz Carbajal de Noia da man de Vêra Kolar, para continuar despois con Dalibor Sebestik, o actual director.

?É certo que tocas varios instrumentos?

-Ademais do violonchelo moderno e o barroco, toco a viola da gamba ou fídula, a arpa medieval e o salterio.

?Estiveches uns anos estudando no estranxeiro?

-Si, estiven en dous países veciños, Portugal e Francia. En Porto, na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo. Foron cinco anos de intensa actividade musical. Fixen violonchelo e mais canto, dentro da licenciatura e mestrado. Tamén estiven no Conservatorio Superior de Música e Danza de Lyon, durante o meu erasmus.

?Hai diferenzas nos estudos musicais neses países con respecto a Galicia?

-Penso que si. Xeralmente, os profesores franceses e portugueses son membros de orquestras consagradas ou solistas con carreira. Aquí, normalmente, os profesores son funcionarios sen vocación artística.

?Sei que actúas moito en Portugal.

-Estiven nunha orquestra que tiña sede en Idanha A Vella e mais en Castelo Branco. Con este grupo percorrín todo Portugal. Tamén actuei como colaboradora coa orquestra Divino Sospiro e co grupo vocal Media Vox. Foi unha experiencia interesante porque fun con eles a Bremen (Alemaña). Tamén fixen unha xira polas illas de Madeira e Porto Santo. O ano pasado actuei co grupo Media Vox de Lisboa en Ponta do Sol (Madeira). En maio do vindeiro ano actuarei con eles no conxunto monumental de Mafra, o fermoso lugar onde José Saramago se inspirou para a súa novela Memorial do convento.

?Cales son os lugares máis significativos onde actuaches no estranxeiro?

-Estiven na Ópera de Lyon, no Auditorio da Gulbelkian de Lisboa, en Venecia e en varios lugares de Austria. Tamén actuei como solista na Carmina Burana, unha versión en galego coa Banda Municipal de Valga. E realicei varios concertos coa Capella Joanina & Flores de Mvsica na CCB de Lisboa, así como na catedral de Viseu (Portugal).

?Nos últimos anos es unha voz moi reclamada na Barbanza.

- Antes era máis descoñecida. Agora cada vez coñécenme máis porque tamén realizo actividades de investigación e creo proxectos musicais.

?Tes algún proxecto inmediato na cabeza?

-Estou con Tecendo os soños, unha idea para recuperar as nanas de tradición oral e innovalas coas achegas de poetas e compositores vivos. Tamén estou a traballar na Óperabreaks, un proxecto de ópera e cultura urbana para achegar esta música aos mozos.

?Durante o espectáculo Música Medieval en Camiño estiveron nas túas mans as réplicas dos instrumentos musicais que se fixeron do pórtico de San Martiño. Por certo, como soan esas réplicas?

-Soan ben. Pero coido que aínda lles queda un camiño por percorrer porque co tempo a madeira madura e o instrumento adquire máis corpo sonoro. Para espazos coma unha igrexa son réplicas moi axeitadas.

?É certo que vas actuar na X Semana da Historia de Noia?

-Si. Como estas xornadas estarán dedicadas ao Ano de 1434, a data da consagración da igrexa de San Martiño polo arcebispo de Santiago don Lope de Medoza, convidáronme a realizar unha actuación polas rúas do casco histórico interpretando música medieval coas réplicas dos instrumentos do pórtico de San Martiño.

?Cal é a obra musical que máis influíu en ti?

-Unha das que recordo dende cativa son As estacións de Vivaldi. E outra ópera que sempre recordo é Norma de Bellini. Pero se tivese que coller unha obra musical para actuar nun teatro agora sería Carmen de Bizet.

Até aquí as confesións desta artista noiesa, unha soprano que non deixa indiferente a ninguén, non só pola súa extraordinaria voz, senón pola madureza que amosan as súas verbas logo dos seus estudos no conservatorio de Noia e Santiago, as súas estadías en Oporto, Coímbra e Lyon, e as actuacións que realizou en numerosos escenarios europeos.

Na música, dende nena

 Esperanza Mara Filgueira naceu no ano 1989 na vila de Noia, onde comezou con 8 anos os seus estudos musicais. Aos 15 anos ingresou no Orfeón Terra A Nosa, onde tomou clase do seu director Miro Moreira.

Entre as súas actuacións como cantante cabe destacar Apreixar o vento e Poema da ausencia no Auditorio de Galicia, dirixidas e compostas por X. Carlos Seráns. Do mesmo compositor estreou poemas de Manuel María interpretados no acto oficial das Letras Galegas 2017, promovido pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega. Pertenceu á compañía lírica de Galicia, ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia onde recibiu clases de Carolina Pérez e Manuela Soto, e ao Coro de la Orquestra Sinfónica de Estremadura.

 

 

 

 

Instrumentista

É tamén instrumentista na especialidade de violonchelo. Comezou o estudo deste instrumento no Conservatorio Paz Carbajal de Noia, da man de Vêra Kolar, para continuar con Dalibor Sebestik. Finalizou o Grado Superior na especialidade de Violonchelo Barroco na Esmae (Porto, Portugal) sendo seu profesor Marco Ceccato. E recibiu a beca erasmus para estudar no Conservatorio Superior de Lyon (Fancia) coa profesora Claire Giardelli no seu último ano de licenciatura.

Das súas calidade artísticas falou no seu día o director de orquestra Diego García: «He tenido recientemente el placer de trabajar con la soprano Esperanza Mara en un proyecto del Taller Atlántico Contemporáneo. En este concierto, Esperanza aseguró la parte vocal del estreno mundial de Danza del compositor Nani García, con gran profesionalidad y brillantes cualidades vocales, mostrando además una gran capacidad de trabajo y espíritu de equipo».

 

 

Profesora

Esperanza Mara Filgueira é profesora na especialidade de Música e Movemento, Canto e Coro en diversas escolas de música da comarca. Imparte cursos de educación vocal tanto de maneira individual como colectiva en agrupacións estables. Dende o 2008 forma dúo coa pianista Paula Gago con quen realiza concertos a nivel nacional e internacional.

Entre os seus próximos compromisos musicais están as representacións co espectáculo Óperabreaks, un fato de mozos que fusionan a cultura urbana coa ópera.