Pedro García Vidal fai propostas para deseñar a vila noiesa do futuro

NOIA

Falou, na presentación das súas segundas «Paisaxes urbanas», sobre a necesidade de democratizar o urbanismo

29 nov 2020 . Actualizado a las 13:09 h.

Cambiar o vello urbanismo, escuro e pouco democrático, por outro no que os veciños teñan voz é unha das principais apostas que o xeógrafo Pedro García Vidal fai na segunda parte do seu libro Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos para deseñar as vilas do futuro. Tamén avoga por darlle preferencia ás persoas sobre os coches, na procura de cidades máis saudables. Sobre estas cuestións incidiu na presentación do volume, acto que tivo lugar o venres no coliseo Noela da man da asociación cultural Barbantia.

Previamente, García Vidal expuxo, axudándose de proxeccións de boa parte do medio cento de ilustracións que figuran no extenso traballo, os principais cambios que, a nivel urbanístico, experimentou a ría de Muros-Noia nas últimas cinco décadas. Fixo fincapé na destrución e desaparición de monumentos e de espazos urbanos destacados, referíndose á importancia que tiveron os plans de protección especial dos cascos históricos na salvación dunha parte importante do patrimonio.

Pero foi a parte final da exposición, a relativa ao deseño da Noia do futuro, a que máis interese espertou, pois o xeógrafo arroxou luz sobre o camiño a seguir para tratar de contrarrestar os erros do pasado. Aproveitou a presenza do rexedor local, Santiago Freire, para incidir na necesidade de coller como exemplo o que se está a facer en cidades como Pontevedra ou Barcelona, onde os peóns están gañando terreo fronte aos coches. Tamén insistiu na necesidade dun cambio na forma de pensar e de actuar dos propios habitantes: «A desmemoria e a indiferenza son os principais inimigos das cidades históricas. Nós mesmos constituímos o maior dos perigos».

Éxito da convocatoria

O alcalde colleu a testemuña e asumiu como boas as propostas lanzadas por Pedro García para o deseño da Noia do futuro. Tamén fixo fincapé no éxito que tivo a convocatoria lanzada por Barbantia, pois encheuse o aforo do coliseo Noela, que por mor das medidas de seguridade se viu limitado a 60 espectadores, quedando fóra uns 40 inscritos máis. Freire comentou que é probable que cando a situación mellore se programe unha nova presentación do volume.

No acto tamén participaron Clodio González, editor de Toxosoutos, que explicou que o libro é a segunda parte dun traballo xurdido a raíz da tese doutoral de García Vidal; e Encarna Pego, representante de Barbantia. Ela aproveitou para anunciar a saída á luz dun novo número de A voz de Barbantia, o 159, e para chamar aos socios a participar nas votacións dos premios convocados pola asociación, un proceso que se pechará o vindeiro venres. A gala de entrega dos galardóns terá lugar o 19 de decembro en Rianxo. No seu transcurso presentaranse o número 16 do Anuario da asociación.

A arte, que sempre está presente as actividades que leva a cabo Barbantia, tampouco fallou á cita que tivo como escenario o coliseo Noela. Guitarra en man, Claudia Fernández Losada interpretou dúas pezas para deleite dos oídos dos asistentes. Para a apertura elixiu O soño da boneca, de Agustín Barrios Mangoré, mentres que no peche soaron os acordes de Milonga, de Jorge Cardoso.

Coma sempre, unha fusión perfecta de literatura e arte, aderezada nesta ocasión polo urbanismo.