José Luis Romaní: O legado dun apaixonado da ría e da historia familiar

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Dedicouse con intensidade á recompilar datos sobre a historia da familia e da ría

09 oct 2020 . Actualizado a las 09:00 h.

O pasado 2 de outubro, familiares e amigos despedían a un discreto veciño de Noia que deixa un valioso legado en forma de recompilación de datos históricos sobre a familia Romaní, o seu desembarco na comarca e a súa vinculación coas fábricas de salgadura, entre outros moitos aspectos. Explica a súa muller, Ana María Blanco, vicepresidenta do padroado da Fundación Rosalía de Castro, que nos últimos anos estivo moi entregado a un labor de busca que ela define como «silencioso, pero moi interesante». Elementos históricos da ría de Muros-Noia e de espazos tan emblemáticos como o Casino, do que foi presidente, tamén espertaron o seu minucioso interese.

Empregado de banca, traballou en oficinas de distintas localidades galegas. A cidade de Santiago foi o seu último destino antes da xubilación.

Revista «Aldebarán»

José Luis Romaní sempre foi un home con inquedanzas apegado á súa localidade natal. De mozo, xunto a un grupo de noieses, participou na edición da revista Aldebarán. Explica a súa dona que era unha revista de carácter social na que figuraban artigos relativos a persoas da vila. Sen embargo, manter a publicación non resultaba doado e só chegaron a saír a rúa unha ducia de exemplares.

Iso foi antes de que José Luis Romaní e Ana María Blanco decidisen iniciar xuntos un camiño que os levou a formar unha familia que leva con honores os apelidos Romaní Blanco e que contribúe a espallar o nome da vila. Porque ese home de 93 anos que foi incinerado o pasado domingo co último adeus dos seus seres máis achegados é o pai de Ana e Rodrigo. A primeira, xornalista e escritora, ingresou en abril do pasado ano na Real Academia da Lingua Galega. Ten unha ampla traxectoria con numerosas obras publicadas e un pequeno texto seu acompaña a necrolóxica publicada onte para expresar o agradecemento a quen fixo chegar as súas condolencias á familia. Seu irmán, arpista, compositor e vocalista, formou parte de Milladoiro.