David de María e Maldita Nerea actuarán en Noia

NOIA

MARCOS CREO

Ofrecerán concertos gratuítos no IES Campo de San Alberto, pero será necesario reservar praza

25 jul 2020 . Actualizado a las 19:36 h.

Anunciaba o concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez, hai varias semanas que a música sería un dos puntais do programa de ocio estival e as confirmacións que se van sucedendo así o confirman. O vindeiro venres desembarcará no recinto do IES Campo de San Alberto David de María. Para o día seguinte hai fixada unha cita con Maldita Nerea.

Nos dous casos, trátase de concertos en acústico e gratuítos, aínda que será necesario reservar praza para controlar o aforo e tamén o acceso ao recinto. A Concellería de Cultura calcula que se habilitarán entre 450 e 500 prazas para cada unha das actuacións.

As persoas que estean interesadas en acudir a un destes concertos teñen que contactar co departamento de Cultura de Noia. Unha vez feita a reserva, recibirán un correo electrónico, co que quedarán rexistrados os contactos de todos os espectadores, ao tempo que se organizará o acceso ao recinto.

David de María, un cantautor que está de xira co seu último traballo, Capricornio, desembarcará en Noia en formato dúo. Pola súa banda, de Maldita Nerea serán catro os integrantes que se acheguen ata a vila barbancesa.

Para os dous fins de semana seguintes están programados en Noia os festivais de arpa de jazz. E tamén en agosto haberá un terceiro festival no que actuarán, entre outros, Xabier Díaz e Guadi Galego.