Emilio Mariño: As mans que buscan reivindicar a liberdade

Considerado un artista abstracto e conceptual, gusta de recrear o encerro no que viven os seres humanos


ribeira / la voz

A emoción que sentiu ao ver unha fotografía das agullas da catedral de Burgos nun libro da escola cando era un crío é o punto de partida que Emilio Mariño (Noia, 1964) marca para falar da súa ampla traxectoria como artista. Ao longo do camiño percorrido, a escultura abstracta e conceptual converteuse na súa linguaxe para reivindicar a liberdade do ser humano: «Vivimos encerrados en nós mesmos, nun mundo que nos ten a todos prisioneiros». Gaiolas e portas están entre as máis de seiscentas obras que o noiés leva feitas.

A tempada que pasou traballando na carpintería do seu pai cando era mozo foi clave na traxectoria como artista de Emilio Mariño. Propiciou que se mergullara no mundo da madeira: «Empecei a tallar porque quería facer mobles máis bonitos. Despois, traballaba ata as sete da tarde e logo ía aprender cun artesán local». Así cobrou forma a súa primeira exposición, no ano 1996: «A partir de aí decidín que quería dedicarme profesionalmente á escultura».

Anos despois, un libro, o mesmo obxecto que lle abrira as portas da arte, puxo diante del outro material que o acabou fascinando: «Vin unha escultura de ferro de Julio González». O noiés tivo ocasión de afondar nesta práctica ao ser seleccionado para o taller Pablo Picasso, onde traballou ao lado de Martín Chirino. Aínda que ao longo da súa dilatada traxectoria entrou en contacto con outros materiais e mesmo obtivo unha beca da Fundación Otilia Millares para a aprendizaxe das técnicas da fundición en bronce, madeira e ferro dominan a obra de Emilio Mariño.

El é dos que pensan que un artista ten que amosar a súa obra: «Hai quen non é partidario, pero para min é primordial dala a coñecer para saber o que transmite». Unha das exposicións para el fundamentais é a que tivo lugar no 2002 na galería Eme-C de Santiago: «Foi o paso decisivo para abrir a miña obra a outros mercados. Era unha retrospectiva dos traballos que tiña en ferro ata o momento e lanzoume, doume folgos para seguir neste mundo».

As exposicións, neste caso colectivas, tamén propiciaron que a súa obra traspasara fronteiras, chegando a diferentes puntos de España como Madrid, Toledo, Xaén e Cáceres, ou tamén a Xenebra. O venres inauguraba a última no Liceo de Noia: unha selección dos últimos traballos feitos en madeira e uns colgantes realizados en madeiras nobres.

Nestes intres, Emilio Mariño tamén exhibe dúas pezas na galería Metro de Compostela, feitas no confinamento. Ese período de reclusión serviulle para completar dúas series, unha figurativa e outra abstracta, inspiradas na dor e na soidade dos hospitais, así como nas meigas: «Lembrábame delas cada vez que saía ao balcón».

Obras en espazos públicos

O seu forte son as pezas de tamaño medio, pois gusta de encargarse persoalmente de todo o proceso, desde que xorde a idea ata que é materializada: «Quero sentir a sensación das ferramentas na man, algo que me vén da época como artesán da madeira. Pero elaborou dúas grandes pezas para espazos públicos. Unha, Puerta de la libertad, está en Logrosán, onde conseguiu o segundo premio nun certame vinculado a un proxecto de rehabilitación desa zona de Cáceres. A outra loce na alameda de Noia: é un monumento dedicado a Prudencio Romo.

Xunto con estes traballos, Emilio Mariño síntese especialmente orgulloso da ducia de obras que forman parte dos fondos dun coleccionista particular da Coruña, Augusto Loroño. Non lle importaría que outros dos seus traballo tamén se exhibiran en lugares concorridos: «Na exposición que teño no Liceo de Noia hai dúas obras que quedarían realmente ben en espazos públicos. Unha delas é unha homenaxe á igualdade e a outra, unha Porta da liberdade que encaixaría á perfección nas Portas do Mar da vila noiesa».

A el, que leva máis dun cuarto de século creando, séguenlle a sobrar ideas: «Algunhas tívenas que desbotar polo custe dos materiais, que é o realmente difícil de afrontar». Por iso, comparte o que di que é o soño de todos os artistas: «Vivir disto». Aínda que admite que corren tempos complicados: «A situación estaba recuperándose, pero con esta crise vexo que, coma sempre, a arte volverá ao final da cola».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Emilio Mariño: As mans que buscan reivindicar a liberdade