Facer visible a cidade oculta

A muralla de Noia, da que quedan escasos restos, cumpre 700 anos


A Voz de Barbantia

A cidade fortificada constituíu durante séculos en occidente o modelo urbano predominante. Unha poboación, por pequena que fose, se non aparecía defendida por un muro, era considerada pouca cousa. A existencia dunha muralla era decisiva para elevar un lugar a rango de vila ou cidade, fronte aos que non a tiñan. De aí que en todas as entidades de poboación que naceron con vocación de ser cidades procurouse sempre delimitar claramente a súa área de convivencia.

A vila de Noia, como toda cidade medieval, aparecía ante o visitante como un lugar pechado por muros que a delimitaban e protexían. A envolvente cerca que abrazaba o espazo cidadán era o primeiro elemento que se ofrecía á mirada do viaxeiro para sinalar a presenza dunha entidade urbana. O contar con poderosas portas torre contribuía a reforzar o carácter monumental do muro. Así, a muralla ía converterse no símbolo máis característico, unha especie de «logo» da vila, o elemento definidor da paisaxe urbana de Noia.

A presenza da muralla na Noia actual é mínima. Escasísimos restos permanecen en pé, visibles na curvatura do Malecón de Cadarso, ocupando un solar baleiro ou musealizada no interior dunha oficina dunha entidade bancaria. Nada que sexa notorio ou inmediatamente perceptible.

Esquecemento colectivo

Desaparecida a muralla, deu comezo un proceso de esquecemento colectivo, ata o punto de que na actualidade é ignorada por gran parte dos habitantes. Porén, a muralla está aí, dalgunha maneira logrou prolongar a súa influencia durante séculos. Faise presente, por exemplo, nas palabras que actúan de gardiáns da memoria: Portas da Vila, da Peregrina, do Poxilgo... Pero, sobre todo, aparece na propia morfoloxía e estrutura urbanas.

O proceso de urbanización non foi quen de facela desaparecer. Arrasada e saqueada, a súa pedra foi mesmo empregada como cimentación e canteira de materiais dos edificios que se levantaron sobre os seus restos. Por iso, a muralla seguiu constituíndo o perímetro da vila, a contorna que a acompañara durante séculos. Trátase dunha pegada en negativo do que foi o monumento máis visible dunha vila obrigada a defenderse.

Hoxe constitúe o seu monumento máis secreto. Cando, por motivos de nova edificación sobre solares baleiros, ou substitución de antigas construcións, a liña amurallada se libera das superposicións, as pegadas da muralla fanse de novo visibles, positivándose como proba da capacidade para vivir sobre ela mesma e transformarse.

Paisaxes invisibles

Como a muralla noiesa, as nosas vilas e cidades atesouran unha gran cantidade de paisaxes invisibles que agardan unha aposta decidida para sacalas á luz. A tarefa suporía unha posta en valor de todo o potencial histórico do espazo urbano, un esforzo por visualizar aquilo que o fai senlleiro e único: a vellez, a historia, a tradición, a antigüidade; en fin, a súa alma secreta, esa invisible presenza que establece un vínculo entre o onte e o hoxe, eses séculos de vida urbana, de conflitos, de incribles logros artísticos e sucesos históricos, relixiosos e culturais dos que resultaron unhas vilas como as que vivimos.

Os poderes públicos deben esforzarse por sacar da invisibilidade esas paisaxes non percibidas; sería, dalgunha maneira, como unha inversión en I+D+I no espazo urbano, un investimento que poñería en valor as herdanzas históricas que outorgan identidade e un factor de revitalización urbana e económica.

Os restos da muralla fanse visibles en moitas obras

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Facer visible a cidade oculta