Ana Filgueiras: A rastreadora de alfombras florais

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

cedida

Elaborou o informe que avala a petición de ben de interese cultural para os tapices

02 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Rechamantes alfombras florais repletas de coidados deseños engalanan as rúas de diferentes pobos galegos coincidindo con determinadas celebracións, na súa maior parte de carácter relixioso. Mantense así un costume ancestral, vinculado tamén ás procesións, para as que se sementaban camiños con fiúncho e espadana, plantas silvestres que tiñan connotacións sagradas. Os sinxelos tapices completábanse daquela cos pétalos que eran lanzados ao paso dos desfiles. Esta é unha das conclusións ás que chegou na súa investigación Ana Filgueiras, arquitecta municipal de Noia e investigadora no eido da antropoloxía e da tradición oral, que se encargou de elaborar o informe que avala a petición de ben de interese cultural para o alfombrismo galego.

Ela sitúa a orixe desta tradición en Galicia no século XIV, ligada á marcha procesional por excelencia, o Corpus. Descubriu que eran as confrarías gremiais as encargadas de organizar estas procesións e que había concellos que publicaban ordenanzas pedindo que se enramasen as rúas para os desfiles. Ana Filgueiras atopou documentación sobre ditas normativas en puntos como Santiago, Ourense, Pontevedra e Noia.

A arquitecta converteuse nunha rastreadora do pasado do alfombrismo en Galicia a raíz do encargo que lle fixo a federación que reúne aos artistas florais da comunidade. Asegura que acolleu o traballo con ilusión: «Foi para min unha oportunidade de contactar con este universo floral que ten un significado profundo ligado á tradición ancestral». Pero recoñece que non foi doado, pois non hai documentación específica ligada a esta temática. A súa bagaxe, forxada ao longo das tres décadas que leva investigando a tradición oral e o patrimonio, serviulle para chegar con celeridade ás primeiras conclusións.

A importancia dos tempos

Entre as máis importantes atópase a relacionada co período de tempo no que se suceden as alfombras en Galicia: «Están ligadas a cerimonias que van desde o domingo de Ramos ata San Xoán, as festividades que están en sintonía coa terra, á que se lle agradece o produto ofrecido». Tamén destaca que se trata dun costume de transmisión feminina que levaba parello un ritual: «Normalmente eran as mulleres as que se encargaban das tarefas, da colleita na tardiña da véspera e da colocación pola noite. A confección das alfombras tiña unha implicación emocional comunitaria, era un momento de cohesión e de afirmación da identidade».

Da investigación que levou a cabo ao longo dos últimos meses, Ana Filgueiras quedou especialmente sorprendida ao descubrir a conexión que aínda existe entre aquel pasado no que comezou o alfombrismo e a actualidade: «Chamoume a atención ver que non estamos tan distantes na maneira de proceder, de pensar e de vivir de hai milenios. Naquel pasado recoñecín o noso, o que temos agora transformado, pero co mesmo significado». Recoñece que tamén lle sorprendeu ver reflectidas estas cerimonias nas cantigas da lírica medieval galego-portuguesa do século XIII.

Casualidade ou non, ao igual que as artísticas alfombras, tamén a súa investigación floreceu na primavera, alimentada por unha pandemia que lle permitiu a Ana Filgueiras mergullarse de cheo neste estudo, ao tempo que obrigaba a suprimir, por vez primeira, a ancestral celebración nas rúas de Galicia.

Obxectivos diversos

Finalizado o exhaustivo traballo, que espera converter proximamente nun libro, a investigadora está convencida de que o alfombrismo é merecedor de obter esa declaración de ben de interese cultural: «É unha manifestación cultural moi singular, arraigada nun pasado remoto. Ademais, Galicia vai achegar claves para descifrar moitos enigmas que hai dentro desta manifestación, porque aquí a tradición segue viva e latente».

Ademais de para conseguir ese recoñecemento, Ana Filgueiras quere que a súa investigación sirva para que a tradición se manteña fiel ás súas orixes: «Quero que cando se conmemore se faga con dignidade, que sexa unha referencia turística, pero sen esquecer a connotación sagrada que tiña no pasado, e dándolle tamén as vertentes artística, lúdica e educativa».

Do mesmo xeito, busca que a tradición de confeccionar alfombras florais perdure no tempo, atendendo ás singularidades que ten cada celebración en cada lugar: «Non deberiamos estandarizar nin homoxeneizar». E que o rastreo das orixes deste costume continúe: «Debemos seguir incrementando o coñecemento sobre o pasado e recoñecer máis a transmisión feminina vinculada a esta tradición».