Santiago Freire: «Ten que existir unha unidade de acción por parte dos dous grupos do goberno»

O primeiro ano do novo mandato quedou eclipsado polo covid-19, pero o rexedor pon en valor todo o traballo feito


Noia / La Voz

Pola súa experiencia como veterinario e inspector de saúde pública, Santiago Freire está afeito a convivir con virus coma o que obrigou a paralizar o mundo. Porén, recoñece a falta de experiencia previa neste tipo infeccións nos humanos, pero si ten claras algunhas cousas: «Temos que ser conscientes de que temos que cambiar os hábitos e evitar determinados comportamentos e, sobre todo, as masificacións». A crise do coronavirus fixo que o primeiro aniversario da constitución das corporacións locais pasara desapercibido, aínda que este ano deu para moito en Noia.

-Como leva o de compatibilizar a alcaldía coa súa profesión cunha crise sanitaria de por medio?

-Teño certa flexibilidade horaria e organízome, ao final procuras traballar ata máis tarde e a base de dedicarlle ao Concello moitas horas polas tardes e as fins de semana. É evidente que non é unha situación fácil e posiblemente acabemos buscando outras solucións alternativas de cara ao futuro máis ou menos próximo.

-Como foi a xestión do Concello nestas semanas?

-É complicado porque hai determinados expedientes que hai que resolver, non podes parar. Esta temporada no Concello non tes o ritmo normal nin tanta presenza de veciños, pero houbo que supervisar outras cuestións de desinfección, de limpeza, subministro de material...

-O covid-19 monopolizou a xestión nas últimas semanas e eclipsou calquera actuación que se fixera antes, pero que destaca vostede destes 12 meses?

-Foron concluíndo actuacións en distintos ámbitos. Fundamentalmente, en materia educativa fíxose unha obra moi importante no colexio Felipe de Castro cun investimento de máis 800.000 euros que supuxo a transformación máis ambiciosa que tivo ese centro educativo nos máis de 40 anos que leva activo. Tamén se xestionou un investimento importante no instituto Campo de San Alberto. Son dúas apostas moi relevantes porque consideramos que o educativo é un dos aspectos nos que facía falta incidir. Ao longo deste ano rematouse a obra do Museo do Mar e agora estase co equipamento, que sufriu un retraso debido ao coronavirus, pero esperamos que nos próximos meses se poida poñer en funcionamento, igual que o Casino

-Con estes proxectos realizados, e outros como a fachada marítima que xa están en marcha, cales son os retos de futuro?

-Vimos de executar obras de recuperación de vestixios do patrimonio industrial noiés en Abruñeiras, unhas obras que se van complementar con próximas actuacións para completar un circuíto peonil de sete quilómetros en torno ao cinto urbano de Noia. Ademais, en Testal estase desenvolvendo outra actuación moi importante e necesaria que é a mellora e ampliación da lonxa. O marisqueo é un sector estratéxico e esta actuación vai mellorar as condicións de traballo dos produtores e vai permitir tamén facer un aproveitamento turístico do proceso de clasificación do bivalvo e das poxas. Trátase dunha actuación moi necesaria para un sector que factura por riba dos 20 millóns de euros anuais.

-E cal é a súa valoración política deste ano? Houbo incluso algunha diferenza pública co NOIA...

-Os veciños terán que valorar e xulgar como actúa cada quen. Particularmente, eu entendo que ten que existir unha unidade de acción por parte dos dous grupos que integran o goberno, esa unidade ten que visualizarse tamén por parte da opinión pública.

-Que me di da oposición?

-Hai quen mantivo unha postura responsable e quen non. Evidentemente a oposición ten que facer o seu labor crítico, pero hai que respectar uns mínimos. En xeral o que creo é que se fixeron moitas cousas e se sacaron adiante moitas iniciativas, sempre hai aspectos mellorables, pero creo que o balance é positivo, sobre todo se comparamos con outras etapas. Hai un volume importante de investimentos en marcha e a nivel económico o noso segue a ser un Concello saneado, por moito que algúns digan o contrario.

«No goberno consideramos que o educativo é un dos aspectos nos que facía falta incidir»

«O noso segue a ser un Concello saneado, por moito que algúns insistan en dicir o contrario»

«Noia ten que apostar polos seus atractivos turísticos, polo comercio e polo marisqueo»

É inevitable que o coronavirus monopolice a actualidade municipal de Noia, e en paliar os efectos da crise sanitaria na economía no presente e no futuro está a centrar moitos dos seus esforzos o equipo de goberno capitaneado por Santiago Freire.

-Veñen de aprobarse en pleno novas partidas para afrontar gastos derivados do covid-19. Como está actuando o Concello nesta crise?

-Dende o primeiro momento artellamos uns mecanismos de colaboración con Cáritas e a Cruz Vermella para cubrir as necesidades das familias nunha situación de maior vulnerabilidade. Vimos constatando un incremento dos usuarios deses servizos, polo que decidimos ampliar a partida para emerxencia social e vanse modificar as bases da ordenanza para que sexa máis flexible o acceso ás axudas. Ampliamos o calendario fiscal, fixamos aprazamentos para o pago de taxas e estase traballando nunha bonificación das terrazas. Estes son os eixes nos que se está incidindo. Aínda que nós entendemos que algunhas medidas as imos ter que ir aplicando ao longo dos próximos meses, a xente ten a necesidade agora, pero tamén a vai a ter dentro dun tempo.

-Cales son as apostas de futuro para Noia ante esta crise?

-Aínda que estamos nun momento no que é complicado tomar decisións, se se vai recuperando un pouco a normalidade Noia ten que apostar polos seus atractivos turísticos, polo comercio e pola actividade marisqueira.

-Este pode ser un bo ano para o turismo. En que se está traballando desde o Concello?

-Estamos un pouco a expensas dos protocolos que se aproben, pero fundamentalmente estamos traballando en accións que poidan complementar o atractivo turístico de Noia, sobre todo incidindo na mellora do casco histórico, que é o principal reclamo da vila. Logo hai que acertar con outras iniciativas. O comercio levou un pau grande e imos iniciar unha campaña de embelecemento coa que buscamos facer máis atractiva a vila e que iso xere unha afluencia de visitantes que teña incidencia tanto no comercio coma na hostalaría.

-A idea é mitigar o golpe da suspensión das grandes citas.

-Hai que buscar alternativas que atraian xente, un turismo máis tranquilo, non de concentración, pero que vaia cubrindo os establecementos hostaleiros e xere consumo no comercio local. Este ano, determinado investimento ten que ir nese sentido.

«A situación é bastante mellor que cando chegamos»

A preocupación de calquera alcalde é prestar servizos á cidadanía ao tempo que se mantén a economía saneada, un equilibrio difícil que a crise do coronavirus veu complicar aínda máis, recoñece Freire.

-Aludía á situación económica do Concello, goza de boa saúde?

-A pesar de ter que xestionar unha situación difícil, porque hai unha mingua importante de recursos, hai un recorte de ingresos que ten unha repercusión na economía do Concello e xorden gastos que hai que facer que non se darían nunhas circunstancias normais, estase funcionando con normalidade. Noia non ten débeda financeira, ten unha situación na que se vai facendo fronte aos pagos con relativa normalidade e en xeral pode facerse unha lectura positiva. Dende logo, a situación é bastante mellor que cando nós chegamos aquí.

-Como vai a elaboración dos orzamentos?

-Nós tiñamos un borrador de orzamentos a principios de marzo para someter a pleno, e evidentemente agora hai que reformular todo iso porque houbo unha variación importante. Agora vaise facer a incorporación de remanentes do exercicio 2019, que rolda o millón e medio de euros, e unha vez que teñamos un pouco definidas a súa finalidade empezaremos a elaborar un novo documento adaptado ás novas circunstancias.

-E coa dificultade engadida de posibles rebrotes do virus...

-Ese é o problema, a incerteza, hai que actuar con certa prudencia. Se a situación epidemiolóxica consegue estabilizarse durante o verán, eu creo que a experiencia que agora temos en canto a dotación de material, infraestruturas e demais, servirá para poder dar unha resposta máis axeitada e vai permitir afrontalo doutro xeito se se dera a circunstancia dun rebrote.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Santiago Freire: «Ten que existir unha unidade de acción por parte dos dous grupos do goberno»