Xan Creo: De experto mariño a tripulante dun veleiro centenario

Percorreu o mundo en barcos mercantes e agora axuda a manter vivo o balandro Joaquín Vieta


ribeira / la voz

Din aqueles que coñecen o oficio que, a pesar da súa dureza, o mar engancha. Debe ser certo, porque Xan Creo estivo boa parte da súa vida percorrendo o mundo a bordo de mercantes, travesías nas que padeceu algún ca outro susto, e agora, xa xubilado, segue estreitamente vinculado ao xigante azul. Foi un dos salvadores do Joaquín Vieta, un veleiro centenario que estaba a piques de ser esnaquizado, e desde entón forma parte do equipo que se encarga de mantelo a flote, co único fin de preservar un elemento do patrimonio marítimo único. Goza vendo o balandro sucalas augas da ría de Muros-Noia.

Aínda recoñecendo que pasou momentos complicados ao longo da súa traxectoria como mariño, Xan Creo non se arrepinte da improvisada decisión que tomou cando tiña 17 anos. Estaba nun bar da Barquiña (Noia) vendo o despegue do Apolo 6 cun grupo de amigos, cando un veciño que era patrón entrou preguntando se había alguén disposto a embarcar. El nunca pisara un barco, pero ofreceuse e en poucas horas estaba rumbo a San Sebastián para enrolarse na súa primeira marea: «Miña nai púxose histérica, pero eu seguín adiante e marchei». Pode dicirse que desde entón o mar foi a súa segunda casa, pois ata que se xubilou só fixo un pequeno parón en terra para traballar na imprenta Sementeira, montada por un amigo.

Nos barcos, este noiés viviu, como el mesmo confesa, momentos bos, regulares e malos. El resistiu, pero recoñece que «no mar estás en risco continuo, nunca sabes se vas chocar, ter unha vía de auga ou que veña un temporal e bote o barco a pique». Iso engadido a outros perigos menos coñecidos, pero igual de importantes. El lembra os ameazantes bloques de xeo dunha travesía cara a Canadá: «Cando chegamos a Terranova estaba todo xeado, menos mal que avistamos un barco máis grande ca o noso na proa e nos situamos á súa estela para que nos fora abrindo camiño».

Na súa memoria tamén seguen vivos os recordos dos cargamentos de lascas de chatarra: «Era un material moi perigoso, porque coa fricción motivada polo movemento do barco quentábase moitísimo e producía gases tóxicos. Ás veces había que parar e esperar a que lle baixara a temperatura. Lembro unha vez en Pasaxes que era como unha bola de lume». Do mesmo xeito, chéganlle as imaxes dunha viaxe a Belfast, cando apareceu un barco da mariña do que empezaron a acceder ao seu mercante militares armados: «Penso que estaban comprobando que non levásemos armas, porque era a época do conflito co IRA».

Noutra ocasión, Xan Creo e os seus compañeiros souberon, xa finalizada a ruta, que trasladaran na proa un contedor cargado de explosivos: «No mar, os perigos están en todas partes». Pero, aínda así, a batalla máis dura que el lidou como mariñeiro foi contra un inimigo invisible: «O peor é a soidade, teño estado ata 11 meses sen vir á casa e iso é moi duro. Antes era o normal, pero foise reducindo o tempo das mareas e agora xa é distinto». A contrapartida eran as visitas a lugares que deixaron nel unha fonda pegada: «As cataratas do Niágara, as pirámides de Exipto, os rañaceos de Nova York, Venecia... coñecías culturas moi diferentes», explica Creo.

A travesía máis fermosa

Non só non se arrepinte de ter elixido o mar como profesión, senón que non dubidou en volver a enrolarse unha vez xubilado, aínda que neste caso, non por obrigación, senón por devoción. No 2002, el e un grupo de amigos propuxéronse rescatar dunha morte segura ao Joaquín Vieta, un antigo veleiro que estaba sendo empregado como bateeiro, pero que xa tiña data para ser esnaquizado.

Xa Creo colaborou no longo proceso de restauración do balandro centenario e agora segue a encargarse do seu mantemento, ao tempo que participa activamente das manobras en cada saída que fai, que sempre son de carácter didáctico ou turístico, co fin de dar a coñecer os atractivos da ría de Muros-Noia e a súa interesante cultura mariñeira: «Velo navegar a vela é para min o máis bonito que hai».

Tamén neste caso, Xan Creo e os seus compañeiros de aventura afrontan algún que outro perigo. Non é a súa vida a que está en xogo, pero si o veleiro polo que tanto loitaron: «O que máis nos preocupa é a falla de relevo, de xente nova que se queira facer cargo do Joaquín Vieta, porque os que estamos agora somos case todos maiores». Aos seus 67 anos, ansía xubilarse tranquilo definitivamente: «A miña ilusión é que alguén se comprometa a seguir co noso proxecto e manteña vivo o veleiro».

Afección no mar

Por afección está tamén Xan Creo vinculado ao mar. Foi un dos fundadores do Club do Mar de Noia, entidade orientada a promover deportes coma o remo e o piragüismo. Exerceu de presidente e agora segue a colaborar coa directiva como vogal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Xan Creo: De experto mariño a tripulante dun veleiro centenario