Serafín Mourelle, sempre a barlovento!

NOIA

No disponible

Manuel Rivas reivindica a dignidade e a obra dun heroe do pobo falecido este 31 de marzo

03 abr 2020 . Actualizado a las 11:21 h.

«Eu nacín en Corme,

Crieime na Coruña,

Casei en Noia,

Vivín no Gran Sol.

De onde son?

Son do mar máis que de sitio ningún!»

Esta breve autobiografía poética de Serafín Mourelle tivo un último verso, o epitafio do silencio mudo, na noite do pasado 31 de marzo no leito dun hospital coruñés. Neste tempo doente, non houbo despedida presencial. El que zafou de tantos golpes de mar, levou este golpe en terra. Mais deixou a herdanza dun heroe do pobo. O que George Orwell definiu moi ben: a dignidade ordinaria, cultivada día a día, sen desfalecer, mesmo cando naufragaban as utopías e as vangardas perdían o rumbo.

Agora foise, con 86 anos, como un navegante solitario, esa «alma a xeito de barca» da lenda céltica, mais deixou un ronsel de ardora, escintilante de vida. A compañeira de moitos anos, Concha, catro fillas e dous fillos, catro netos, un libro de poemas, Carapelas de sal e iodo, e outras cartografías íntimas, como as lembranzas de Cartas ao avó ou as descubertas da Xeografía xeral do Mar de Galiza. E deixou tamén o seu fío, ben cosido, na mellor das redes sociais: aquela que sincroniza as conciencias, o acordo secreto entre xeracións para rebelarse contra a inxustiza.