O certame Antón Avilés chama aos autores de relatos de aventuras

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

NOIA

MARCOS CREO

O Concello de Noia, promotor do concurso, estableceu un premio único de 3.000 euros para o gañador

10 mar 2020 . Actualizado a las 12:09 h.

Unha vez máis, e van xa 19, o Concello de Noia, a través do departamento de Cultura, vén de convocar o certame Antón Avilés de Taramancos de relato de aventuras. Os autores de textos que se cingan á extensión fixada nas bases, entre 70.000 e 100.000 caracteres, teñen ata o 17 de abril para facelos chegar á casa consistorial.

Como vén ocorrendo nas últimas edicións, o Concello de Noia estableceu un único premio de 3.000 euros para o gañador do concurso literario, que tamén recibirá unha escultura conmemorativa realizada polo artista local Alfonso Costa.

O xurado estará composto por un membro da revista Casa da gramática, do IES Virxe do Mar, e outras tres persoas vinculadas ao eido das letras. O alcalde actuará como presidente. O fallo darase a coñecer o 15 de maio, no marco dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas.

Nas bases figura tamén que o traballo que resulte gañador será publicado pola editorial Toxosoutos.