Julia Monterroso: «Con paciencia e a base de adestramentos estamos formando un bo equipo para o futuro»

s. g. RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Formada no extinto Portosín, regresou o pasado curso ao céspede de San Lázaro. Trala lesión de Sara, tampouco dubidou en poñerse o seu brazalete de capitá

14 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo dun parón de un par de anos sen fútbol, Julia Monterroso (Porto do Son, 1995) non foi quen de dicirlle que non á oferta do Noia. Formada no extinto Portosín, regresou o pasado curso ao céspede de San Lázaro. Trala lesión de Sara, tampouco dubidou en poñerse o seu brazalete de capitá.

-Só levan dous anos xogando xuntas. Como ve a este Noia?

-A verdade é que percibimos bastante evolución. A pesar de que fixemos moitas fichaxes, compenetrámonos moi ben e no colectivo avanzamos bastante. Con paciencia e a base de adestramentos estamos formando un bo equipo para o futuro.

-É un proxecto a longo prazo.

-Si, e eu creo que o obxectivo deste ano é formarse un pouco mellor con vistas a contar cun equipo moi competitivo.

-E pésalle o brazalete?

-O certo é que as compañeiras fanmo bastante sinxelo. Non notei unha maior carga. Hai moito compañeirismo e iso fai que se leve moito mellor.

-Cando comezou no fútbol?

-Fíxeno con sete anos, no fútbol sala. Logo cambiei ao fútbol 11, e estiven ata os 20 xogando no Portosín. Logo parei uns anos ata que me chamaron do Noia.

-E como ve a evolución do fútbol feminino nesta comarca?

-Avanzou un montón, hai moitísimos máis equipos e as ligas son moi competitivas.

-Agora as nenas non teñen dúbida en xogar.

-Sempre lles gustou, pero antes non se vía demasiado ben e optaban por outros deportes. Agora é algo normal. Por esa parte estou moi contenta, hai rapazas moi mozas nas escolas, dende os tres anos. Que teñan a oportunidade xa é un caso.

-E o futuro por onde vai?

-Pinta bastante ben. Hai que mellorar en moitos temas, pero estamos avanzando considerablemente. Queremos que o fútbol feminino teña máis relevancia, pero chegará pouco a pouco.