Chema Salanova: «Iamos como tolos a ver a Bruce Lee»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Recibiu o sétimo Dan por parte da federación, logo dunha carreira forxando talento e cicelando campións

03 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Chema Salanova (Noia, 1970) é un mestre atípico. Pola mañá ensina inglés no Jaime Balmes, e pola tarde taekwondo no Maniotas. E, cando pode, lisca para surfear nas augas da ría de Muros-Noia. Logo de case vinte anos cicelando rapaces nas artes marciais, o técnico vén de recibir por parte da Federación Galega de Taekwondo o sétimo Dan, galardón co que se valora o seu esforzo por dinamizar un deporte co que busca axudar a madurar aos rapaces. A súa principal meta é que aprendan a loitar sobre o tatami, pero tamén que poidan afrontar os retos que se atoparán na vida real.

-Comezarei polo sétimo Dan. Como o saboreou?

-Pois como unha recompensa a moitos anos de traballo, así como de promoción e difusión do taekwondo. Fun competidor, pero sobre todo adestrador. O teu traballo vese nos resultados dos rapaces, en como avanzan e como conseguen as súas metas. Esta é a recompensa a todo ese esforzo.

-Como empezou nese mundo?

-Por rebote. Sempre fixen deporte, xoguei ao fútbol, ciclismo, pero atopeime co taekwondo por casualidade. Sempre me gustaron as artes marciais. Iamos coma tolos a ver a Bruce Lee, era o noso referente. Levaba uns anos parado, fáloche de que tiña 19 anos, estaba na universidade e máis centrado na carreira. Sentín a necesidade de poñerme en forma. Dous amigos estaban adestrando co mestre Kim, un coreano que viñera para Galicia a gañar a vida coas artes marciais. Empecei de rebote, pero tanto me gustou que, a pesar de que ese ano a miña intención era marchar para Santiago a vivir e estudar alí, quedei en Noia porque do contrario non podería adestrar. Ía e viña tódolos días.

-Sempre me chamaron a atención eses coreanos que chegaron nos 90 a ensinar artes marciais. Agora tócalles a vostedes seguir.

-O mestre Kim botou un tempo, pero despois foi un alumno, José Antonio Veiga, o que quedou co ximnasio. Con el seguimos aprendendo. Gárdolle moitísimo cariño, marcou a miña vida e a de moitos compañeiros. Deu ese paso máis para que aos que nos gustaba o taekqondo conseguiramos os nosos obxectivos.

-Como foi a súa etapa como competidor?

-Pequena, fun a varios campionatos, pero xa me pillou un pouco maior. No 94 ou 95 rematei como campión galego universitario. O meu debut lémbroo con moitísimo cariño. Era o ano 91 ou 92 e organizaramos un torneo en Noia. Gañara contra un cinto negro, e eu daquela debía ser verde. Na miña vida pasara tantos nervios! En técnica xa competín bastante máis, acadei algúns títulos galegos, e fun aos nacionais e ao Open de Francia. Pero co nacemento da miña filla a dedicación e o tempo non eran o mesmos. E tiña que adestrar aos rapaces e tamén facelo comigo mesmo.

-Sempre se sentiu adestrador?

-Sempre me gustou ensinar. Eu son mestre, estudei Maxisterio e compaxino o ximnasio con ser profesor de inglés no Jaime Balmes. O taekwondo sempre o vin dende un punto de vista deportivo, pero tamén educativo e formativo. Os rapaces chegan sendo nenos e están con nós ata os 16 ou 17 anos. Comparten contigo un montón de cousas, inquedanzas, nervios, confidencias... Tratas de axudalos en todo, levalos polo camiño adecuado, que teñan hábitos de vida saudables. Queres resultados deportivos, pero para min o que máis pesa é a parte persoal. Intento que sexan boas persoas, completas, integrais. Se iso vén acompañado de resultados, pois mellor. A maior recompensa é que, como me pasou este Fin de Ano, che encontren pola rúa rapaces que estiveron contigo ata fai pouco e que garden un bo recordo.

-Falando do ano que acaba de empezar, que plans teñen?

-Cada ano a competición é máis complicada, tanto a nivel de volume como de nivel. Non son de facer quinielas. Temos unhas metas marcadas, pero son complicados. No deporte ás veces as cousas non saen. Temos a previsión de clasificar ao maior número de competidores para a selección galega e acadar unha medalla nacional. Iso sería o principal, e opcións hainas. A traxectoria destes anos é moi boa neste aspecto, e imos intentar continuar nesta dinámica.

«Cando estás surfeando estás ao 100 % concentrado no mar, alí non hai nada máis»

Os anos no mundo do taekuondo proporciónanlle a Chema Salanova poso suficiente para valorar a evolución da arte marcial.

De cando comezou vostede a agora, o taekuondo mudou moito?

Actualmente está cambiando de formato e de regras. A inclusión dos sistemas electrónicos fixo que isto acontecera a pasos axigantados. Mellorouse moitísimo a xustiza, antes eran persoas as que marcaban os puntos e agora xa non. A subxectividade dos árbitros xa non ten cabida. Que pasa? Que iso obrigou a mudar todo, tanto a técnica como a táctica. Estamos en continua evolución. Cambiaron as formas de estar no tapiz, de botar. Antes a perna de diante apenas se utilizaba, e na actualidade supón o 90 % dos puntos.

E vostede cal prefire?

Eu creo que como espectacular, como taekuondo máis completo, tírame a vella escola. Os rapaces dinme que non teño nin idea, a eles gústalles máis o actual. É co que comezaron. Eu vivín ambos e o de antes era máis visual, o deportista tiña máis recursos e era máis completo. Facía de todo. Tiña velocidade, potencia, recursos, xiros... Pero hai que adaptarse.

Cambiando de deporte. Tampouco é raro atopalo polas praias de Porto do Son facendo surf.

Aínda fun o mércores, día 1 [ri]. É a miña paixón, o meu psicólogo. Gústame o aire libre. Cárgame as pilas estar en contacto coa natureza. Levo 30 anos e mentres aguante o corpo irei. Se non hai nada raro vamos uns cantos amigos os domingos pola mañá. Hai quen prefire a misa, pero nos imos surfear unhas cantas horas. Purifícaste, mantenche en forma e despéxame a cabeza. Cando estás alí, estás 100 % concentrado no mar, en manter o equilibrio. Alí non hai nada máis, nin traballo, nin problemas...