Ana Romaní: «O asociacionismo de base é un dos piares do noso tecido cultural»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A noiesa explica que desde o seu ingreso na Real Academia Galega no mes de abril está vivindo un proceso de aprendizaxe coa finalidade de ser útil para a institución

13 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Romaní Blanco (Noia, 1962) será distinguida mañá co Sereo que a Asociación Cultural Barbantia outorga no eido da cultura galega. A noiesa é experta en recoller galardóns, mais este «ten un significado especial, porque chega dos veciños e veciñas da comarca, de persoas asociadas a unha entidade cultural como Barbantia, e ten ese sabor tan reparador do recoñecemento de quen está máis preto, das persoas que comparten interese pola cultura e a acción cultural de base», afirma.

Esta xornalista, escritora e, desde o pasado mes de abril, académica de número da Real Academia Galega, é ademais coñecedora da importancia e do funcionamento de colectivos como o barbancés: «Lembro os primeiros traballos nun grupo de acción cultural que tiñamos en Noia, Gueivota, e logo xa nos anos 80 na Asociación Cultural Catavento, que foi naqueles tempos unha plataforma cultural moi dinámica, moi activa. Avilés de Taramancos, que era o vicepresidente, fixera o logotipo, un veleiro a termar da orientación dos ventos. Foi un tempo moi estimulante e decisivo na miña traxectoria posterior. Opino que o asociacionismo cultural de base é un dos piares do tecido cultural».

Movementos como aos que se refire Romaní son para esta xornalista e escritora «fundamentais na articulación cultural dun país. No noso foi decisivo, especialmente nas décadas dos 60, 70 e 80. E segue a selo hoxe, por máis que o modelo dominante aposte máis por unha visión economicista da cultura, que a valora e monetiza en termos de mercado, que abeira a cultura ao espectáculo, ao lecer e ao consumo».

Toma de contacto

A noiesa comenta que estes meses na Real Academia Galega están a ser de «toma de contacto, de aprendizaxe e de comezar a entender como funciona a institución, como traballa, que é necesario e como se van organizando e distribuíndo tarefas». Romaní non dubida en afirmar que está a vivir o seu ingreso na Academia como unha «honra inesperada», e co fin de «ser útil e achegar o que eu poida ao funcionamento dun organismo que ten por obxecto o estudo, o fomento e a defensa da nosa lingua e da cultura».

En relación á saúde da que goza o galego na comunidade, a escritora e xornalista de Noia indica que «os estudos publicados apuntan claramente ao futuro tan preocupante que asoma para o idioma. Cómpre pensar colectivamente e actuar». Ao ser preguntada polas medidas que se poderían adoptar para impulsar o uso do galego en todos os eidos, Romaní considera que hai especialistas con máis coñecemento ca ela para «deseñar estratexias e planos de acción», pero di que «ámbitos como o ensino e os medios de comunicación son decisivos».

Precisamente como profesional da comunicación que é, cunha longa traxectoria ás súas costas, móstrase moi crítica coa situación actual do sector e defende «o xornalismo como ben público e básico na vertebración social, garante imprescindible do dereito á información, ao debate de ideas e ao coñecemento».

Proxectos de futuro

Escribir ensaio, poesía e mesmo literatura pensada para un público infantil e xuvenil é unha faceta que xa lle reportou un bo número de galardóns. A produción de Ana Romaní é extensa, e seguirá medrando: «No literario estou retomando a escrita logo dun tempo sen facelo».

Mentres, continúa traballando a diario en radio, en labores de redacción e locución, «agora sen responsabilidades na información cultural».