«Paga a pena o risco e vivir lonxe da familia»

Fala do mar como a súa verdadeira escola, unha forma de aprendizaxe que o fixo medrar como persoa


ribeira / la voz

Moitos din que non hai mellor escola cá da vida. José Manuel Castro comparte esta teoría. O mar foi o seu centro formativo. A bordo do barco e nos países que foi coñecendo nas súas longas travesías adquiriu coñecementos e experiencias que nunca tería se cando contaba con pouco máis de 20 anos non decidira buscar fortuna como mariñeiro. «Daquela a xente do mar tiña unha calidade de vida que non conseguían os que traballaban en terra, gañábanse moitos cartos», apunta. El quixo probar sorte e atopouna, aínda que recoñece que o mellor salario foi o das aventuras vividas, tantas que incluso foron o xermolo dalgunhas das súas novelas.

Enrolado en buques mercantes, este veciño de Noia percorreu practicamente todo o mundo, fundamentalmente as costas de África e de América do Sur. Non oculta que estar lonxe da casa e asumir os perigos que agocha o xigante azul resultaban rendibles a nivel económico: «Si que se gañaba ben. Estiven un tempo traballando como electricista para unha compañía peruana, exercendo de primeiro oficial, e cobraba en dólares, uns 1.800 ou 2.000 ao mes. Era unha animalada a finais da década dos 80».

Rozando a morte

Queda co bo do oficio, aínda que tamén ten na retina o medo que viviu nalgunha que outra ocasión, cando a fortuna lle axudou a esquivar a morte. Lembra especialmente un accidente que ocorreu cando o barco no que traballaba estaba entrando no peirao de Róterdam. O buque transportaba seis millóns de litros de propileno, un gas inflamable: «Eu estaba na sala de máquinas seguindo a manobra cando sentín un grande impacto contra o casco do barco, que empezou a escorar». Relata que o causante do suceso foi un buque inglés que saía do peirao sen práctico, e cuxa tripulación estaba borracha: «O encargado do temón despistouse e levounos 40 metros de casco». Por fortuna, entre a armazón da nave e os depósitos de gas había o espazo suficiente para que estes non resultaran afectados: «Se chega a haber unha explosión, non quedaría nada en cinco quilómetros á redonda».

Polos mares do mundo tamén comprobou o perigoso baile que provocan as ondas, cando acadan unha altura por riba dos 20 metros: «Teño visto a compañeiros chorar coma Magdalenas polo medo que tiñan, pero iso a min non me afectaba tanto».

Sen dúbida, daquela vida queda coa parte positiva: «Teño moitos máis recordos felices ca tristes, sobre todo vinculados con toda a xente que coñecín e cos lugares polos que pasei, sitios que xamais pensei que podían existir e que deixaron unha pegada fonda en min». Lembra cun cariño especial recunchos e persoas do Perú: «Decateime de que estaba equivocado coa imaxe que tiña do lugar, porque as persoas coas que me crucei eran moi educadas e agradables». Da súa experiencia no Perú, das historias que alí escoitou, naceu O lago, que foi a primeira novela que José Manuel Castro conseguiu publicar. Logo chegaría La sombra del pasado, outra obra de ficción baseada no afundimento do barco O Isla na costa da Coruña, que lle foi narrado por un amigo que o viviu en primeira persoa.

Vivencias en África

E hai só unhas semanas este noiés lanzou Nigeria, unha obra de ficción que bebe tamén da experiencia do autor no país africano: «Ten un montón de historias truculentas, pero que son feitos reais que recollín alí». Unha das máis negras ten que ver coa trata de brancas, e mesmo coa existencia dun caníbal: «Eu non vin a escena dos corpos colgando coma se fosen xamóns, pero contouma unha persoa que si a presenciou e que aparece na novela».

Aínda que unha boa oferta propiciou que José Manuel Castro mudara un día o mar pola terra e rematara a súa vida profesional nunha empresa dedicada ás telecomunicacións, asegura que repetiría ese pasado de mariñeiro sen pensalo: «Estou completamente seguro, porque foi unha experiencia que me enriqueceu como persoa. Se son o que son, incluíndo a miña faceta de escritor, é por ese pasado no mar». Asegura que na súa balanza persoal de pros e contras da profesión gañarían os primeiros: «Eu penso que si paga a pena o risco e vivir lonxe da familia, porque o mar é unha aprendizaxe».

Agora, a gran paixón deste veciño de Noia é a literatura. A súa especialidade é a ficción, pero está convencido de que nunca sería quen de engalar con palabras folios en branco se non coñecera os lugares aos que o levou o mar e se non vivira as experiencias que lle regalou a profesión.

novelista

Ata o de agora publicou tres novelas («O lago», «Las almas perdidas» e «Nigeria»), pero José Manuel Castro xa leva escritas 14. Para o ano pretende lanzar un libro vinculado coa historia de Noia, relatando o que ocorría nos túneles que unían o convento das trinitarias co dos franciscanos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Paga a pena o risco e vivir lonxe da familia»