Xosé Ramón Girón: «A enfermidade mental conduce a pacientes e a familiares á soidade»

En Galicia hai máis de 60.000 persoas cunha discapacidade psíquica recoñecida


ribeira / la voz

Cando traballaba como médico de familia en Noia, Xosé Ramón Girón entrou en contacto con varios pacientes que sufrían enfermidades mentais. Foi a raíz desas relacións polo que a finais dos 90 asumiu a presidencia da Creba, un colectivo local que vén de celebrar as vodas de prata. A súa implicación neste eido sanitario levouno, hai oito anos, a liderar Feafes Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental, unha entidade que agrupa a 14 asociacións.

-Cales son os grandes obxectivos de Feafes?

-Como grupo de asociacións de familiares e de afectados, o noso obxectivo é tratar de recuperar todas as deficiencias que se producen despois dun brote agudo dunha enfermidade mental grave, axudar aos pacientes a que se reincorporen á súa vida. A enfermidade mental conduce a pacientes e a familiares á soidade, que o único que fai é empeorar a situación. Aí é onde poden actuar as asociacións, a través de obradoiros e grupos de axuda. Este movemento asociativo naceu da necesidade de mellorar unha situación que pode ser demoledora a nivel persoal e familiar. Había que sumar forzas para normalizar dentro do posible a vida dos enfermos e dos seus familiares.

-É posible poñerlle cifra aos afectados en Galicia?

-O que sabemos é que cunha discapacidade recoñecida oficialmente hai máis de 60.000 persoas. Cremos que a cifra real é aínda maior, pois os baremos que se empregan están pensados para problemas físicos e discriminan de forma incorrecta as enfermidades mentais. Si se pode concluír que as enfermidades mentais afectan a un 3 % da poboación. O preocupante é que hai unha elevada porcentaxe de afectados que non acoden a ningún tipo de servizo.

-Porque non fala só de enfermos crónicos, senón tamén de problemas puntuais...

-Efectivamente. Un 25 % da poboación é susceptible de sufrir unha enfermidade mental, sendo a depresión a que ten un peso maior. Se empregaramos un termo máis xenérico, como o de sufrimento psíquico, ampliaríase o abano de afectados. Os especialistas falan de que un cuarto da poboación o experimenta en algún momento da súa vida.

-É un problema que vai a máis?

-Si, parece que as crises económicas inflúen na saúde mental, pois o sufrimento psíquico está directamente relacionado coa situación persoal e económica. Tamén se están estudando posibles causas xenéticas.

-Cal é o gran logro de Feafes?

-O primeiro, conseguir unir a persoas moi diversas a prol dun obxectivo común. A nivel práctico, penso que o servizo de emprego que montou a federación é fundamental, porque desempeñar unha función e ter un salario supón unha gran axuda para os enfermos. Por outro lado, Feafes eríxese como interlocutor directo coas administracións, para que teñan en conta a este colectivo á hora de elaborar protocolos e programas. Tamén levamos a cabo un importante traballo no eido da difusión, co fin de rematar co prexuízo que está asociado a esta enfermidade.

-É ese prexuízo o problema máis grave do colectivo?

-É un deles, pero o máis grave é que a enfermidade mental brota na adolescencia, o que provoca que os pacientes non rematen os estudos e non teñan polo tanto acceso a un traballo. Aí é cara onde temos que orientar o noso esforzo, para evitar que a enfermidade mental sexa un tobogán directo cara a exclusión social. Tamén fan falla outro tipo de servizos, pois algúns pacientes necesitarán apoio toda a súa vida.

-Que lle diría a aqueles posible enfermos que non se atreveron a buscar axuda?

-Diríalles que non empecen esa guerra sós, que de ningún xeito traten de superar este problema desde a soidade, porque estamos diante dunha enfermidade moi complicada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Xosé Ramón Girón: «A enfermidade mental conduce a pacientes e a familiares á soidade»