Os faros guían agora aos camiñantes

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

cedida

Un programa de oito andainas convida a percorrer e coñecer o litoral galego

05 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron durante moitos anos elementos fundamentais para a navegación, e de seguro que evitaron un feixe de traxedias marítimas, pero os grupos de acción costeira decidiron agora darlle unha utilidade turística a oito faros da costa galega: deseñaron un ciclo de andainas de carácter cultural. Ao tempo que se goza do espectáculo visual que conforma o litoral, os participantes coñecerán aspectos vinculados ao lugar, desde feitos históricos ata anécdotas curiosas, pasando pola riqueza marítima e as especies máis destacadas a nivel de flora e fauna.

Unha veciña de Noia, Manoli Filgueira, coñecida pola súa implicación no eido do sendeirismo desde os dous clubs que preside, Senda XXI e Abrakdabra, foi a persoa elixida para exercer de guía neste ciclo de andainas. Foi ela a que propuxo incluírlle ás camiñadas a vertente cultural. Busca, para cada percorrido, a colaboración de veciños capaces de enriquecer a paisaxe. A experiencia arrancou a finais de outubro en cabo Prior (Ferrol), onde os participantes tiveron ocasión de coñecer como se organizaba no pasado a defensa militar na zona e tamén accederon a información de carácter ornitolóxico.

O ciclo continuou o sábado polos arredores do faro de Mera (Oleiros), onde a camiñada se completou cunha visita á Aula do Mar, a antiga casa do fareiro, e con conversas sobre a flora, a fauna, as posibilidades que ofrece o lugar para a pesca submarina e un naufraxio importante, o do Urquiola.

En tódolos casos son itinerarios duns cinco quilómetros que rematan coa chegada ao faro, sempre entre lusco e fusco: «Queremos que sexa a luz do faro a que guíe aos camiñantes no tramo final», explicou Manoli Filgueira.

Costa da Morte e Barbanza

A vindeira cita está fixada para o próximo sábado. Este ciclo de andainas culturais fará unha parada na Costa da Morte, en concreto no faro de cabo Vilán. Alí, a guía contará coa colaboración do colectivo Os Trasnos: «Queremos darlle valor á xente que coñece o lugar, que é a que máis sabe, a que máis e mellor información pode transmitir», sinala a guía.

E o 16 será a quenda de Carnota, co seu insigne faro de Lariño. Alí Manoli Filgueira quere facer algo diferente: «É a terra do meu GALP, o Costa Sostible, e, ademais de que imos poder entrar á torre, estou pensando en ofrecerlle unha degustación aos camiñantes, para divulgar o mundo da conserva». Este colofón gastronómico tamén está nos plans da coordinadora do proxecto para a camiñada que o 23 terá lugar polos arredores do faro de Corrubedo, en Ribeira.

Son rutas accesibles a todo tipo de públicos: «Trátase de percorridos moi sinxelos, que facemos a ritmo de paseo, con conversas para que cada un poida achegar a información que considere oportuna sobre o lugar que se está a visitar». Manoli Filgueira está convencida de que este proxecto pode e debe ter continuidade no futuro: «Está a ter moita demanda e loxicamente podería crearse un produto turístico ao redor dos faros, que penso que teñen un gran valor ao que non se lle está sacando partido».

Ela négase a elixir unha torre de entre as oito que foron seleccionadas para formar parte deste ciclo. Visitounas todas, mergullouse na súa historia e colleulle un gran cariño a cada unha delas: «Teño que recoñecer que o faro de punta Roncadoira (Xove) e o de Vilán gustáronme moito».

Os oito GALP que funcionan en Galicia, desde Ribadeo ata A Guarda, e que impulsaron este proxecto, teñen en marcha outras iniciativas que poden ser complementarias desta Ruta dos Faros. Unha é o conxunto de restaurantes adheridos a Km 0 MarGalaica, que ofrecen pratos cos mellores mariscos e peixes do noso litoral, e outra é a rede de aloxamentos MarGalaica, establecementos situados na costa que, en moitos casos, ofrecen un importante abano de actividades lúdicas.