«Unha das conserveiras coas que traballamos díxonos que mandaba berberecho para Estados Unidos»

Francisco Brea
F. Brea LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Na confraría noiesa teñen claro que a aposta polo selo de calidade do bivalvo foi un acerto

27 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na confraría noiesa teñen claro que a aposta polo selo de calidade do seu berberecho foi un acerto e, por iso, aseguran que seguirán facendo promoción do bivalvo baixo a marca e investindo para que continúe crecendo.

-Que supuxo o selo de calidade para o berberecho de Noia?

-É unha distinción, un signo de calidade. Foi unha aposta fundamental para darlle un valor engadido ao produto e facer que se coñeza en moitos lugares. En Madrid, Barcelona, Murcia... en moitos sitios xa piden que sexa de Noia. Se tes o mellor berberecho e non gastas en dalo a coñecer, non será un éxito.

-A posta en marcha superou as súas expectativas?

-Contabamos cun impulso, pero non coller tanta fama tan rápido. Unha das conserveiras coas que traballamos díxonos que mandaba berberecho para Estados Unidos. Estamos orgullosos.

-Que metas teñen? A que mercados pode chegar o produto?

-Mantendo a liña de promoción, cada vez vaise a coñecer máis. Se chega o día no que poidamos facer unha aposta internacional, non dubidaremos en ir a expoñer a calquera país de Europa ou a Estados Unidos. Tamén se está a valorar poñer un anuncio nunha televisión nacional. Vale cartos, pero non está fóra da mente facelo nos próximos anos.

-O berberecho é a estrela e tamén se coñece a ameixa, pensan en impulsar outras especies?

-A curto prazo non, a medio a ver que pasa. Está na cabeza a ostra. Hai dous bancos, pero son pequenos. Aínda así, non descartamos no día de mañá dar a coñecer máis a nosa ameixa e a ostra. Pero está claro que o berberecho é o que dá o beneficio, outras especies axudan a engrosalo.

-Uns días antes de comezar a campaña estaban pendentes da toxina, o temor non desaparece?

-O que se lle ten é respecto. A dez días do inicio había bastante. Nunca podes acertar ao 100 %, pero melloramos moito en materia de facer análises. Traballamos co Intecmar e cunha empresa privada e temos unha bióloga do Grove que os fai os domingos. Dáche máis tranquilidade.

-Por iso a importancia de recoller mostras periódicas.

-As primeiras semanas faciámolo todos os días. Cando foi marchando a toxina, xa cada dous. Os domingos sempre, e se detectamos que sube un pouco volvemos a facelos a diario.