Santiago Cruz: «No mesmo período, levamos 2,5 millóns de euros máis ca no 2018»

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A produción desta campaña está a ser moi boa para os mariscadores noieses, que ven como os bancos están cheos

26 oct 2019 . Actualizado a las 20:00 h.

Santiago Cruz cumpriu a maioría de idade no cargo de patrón maior da confraría de Noia. Dende o 2001 está á fronte do colectivo e nos últimos anos está a vivir campañas con números históricos. Nesta ocasión, o camiño que se leva tamén é moi bo, aínda que Cruz é optimista pero cauto.

-A campaña arrincou con boas cifras e expectativas, mantéñense a día de hoxe?

-As expectativas seguen a ser boas. É certo que o berberecho de segunda categoría baixou algo, pero está a niveis da última campaña. Comparando a anterior e a actual, no mesmo período, levamos 2,5 millóns de euros máis que no 2018. Influíu moito o prezo, o de cuarta estivo a sete euros e pico e nunca chegara a tal cifra.

-Maior facturación supón tamén máis quilos recollidos?

-Si, levamos 200.000 quilos máis en global. De berberecho van case un millón, de ameixa fina 8.200, que este ano parece que recupera un pouco, de babosa 25.721 e de xapónica 78.218. Está moi ben, xa que aínda faltan dous meses para pechar a campaña. Na directiva estamos contentos e os mariscadores tamén. Penso que se non hai ningún problema seguirá nesta liña. O certo é que levamos unha racha moi boa.

-Cales son os factores para que se dea esta boa situación?

-Nós todos os anos facemos limpeza, quitamos algas e depredadores, levamos a cabo labores de vixilancia... É certo que tamén inflúe o tempo, as riadas ou a toxina. Pero é imprescindible coidar as praias. De non facelo podes baixar tres ou catro millóns a facturación. O principal é facer os deberes para que estea todo listo cando chegue o momento de mariscar. Pasamos sete meses coidando a praia e penso que é un dos éxitos da confraría.

-Tamén apostan por un método de traballo sustentable e iso estará a dar os seus froitos.

-Traballamos con métodos tradicionais e os mariscadores son cada vez máis profesionais e seleccionan pezas máis grandes, por iso a calidade é maior. Vaise mellorando en todo, cóidase e mímase o produto e chega fresco ao mercado.

-Poderían dar un paso máis?

-Debemos seguir na mesma liña, coidando os bancos e respectando os ciclos biolóxicos, como o desove do berberecho de marzo ata agosto. Algúns traballan no verán e nós non. Tamén puxemos un tamaño mínimo de 28 centímetros cando outras confrarías o teñen en 25, que é o que marca a normativa. En Noia sempre se comezaba a campaña en outubro e, por cambios no clima e a toxina, decidimos adiantala a setembro. Xogamos coas datas.

-Esperaban as cotizacións que se están acadando?

-Non esperabamos mellorar tanto os resultados do ano pasado. Vai ser moi boa campaña, xa que aínda quedan os meses de novembro e decembro.

-Tras pouco máis dun mes, como están os bancos marisqueiros?

-Aínda hai moitísimo berberecho. Este ano, eu creo que máis do 90 % dos ingresos virán do berberecho porque hai moito. Levamos 7,4 millóns de euros só con este bivalvo. Queda moito e somos optimistas.

-Fálase moito de furtivismo, Noia líbrase deste problema?

-Hai moi pouco. Algún bañista pode levar tres ou catro berberechos e unha noite pode vir un furtivo, pero nós temos 16 gardapescas titulados durante a campaña e 12 cando remata. Hai seis todas as noites facendo tarefas de vixilancia. O éxito da campaña é o traballo de todo o equipo que forma a confraría.