Aser Álvarez: «Aos noieses vailles gustar a carga emocional do programa»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA

NOIA

maría cedrón

O espazo da TVG arranca en Noia, lembrando historias do pasado a través de fotos antigas

18 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un novo programa da TVG, Anacos de vida, permitiralle aos noieses viaxar no tempo. O primeiro capítulo deste espazo está dedicado á vila barbancesa e reconstrúe varias historias do seu pasado a partir de fotos antigas. Emitirase mañá, ás 19.00 horas, na pequena pantalla, pero hoxe haberá unha estrea no coliseo Noela (20.30). O formato foi ideado e está dirixido por Aser Álvarez.

-Como xurdiu a idea?

-É un proxecto que tiña que existir, pois é algo tan elemental como mergullarse nas nosas raíces. Con anterioridade fixemos un proxecto en Celanova, de onde son, a través das redes sociais e vimos que había un potencial enorme, que a xente quería coñecer a historia do seu entorno máis próximo. Arrianos Producións xa traballara antes na recuperación da memoria inmaterial e decidimos seguir por esa liña. Recollemos pequenas historias que non adoitan saír nos libros nin nos grandes medios de comunicación.

-A que se debe a elección de Noia para o primeiro capítulo?

-Noia é unha vila cargada de historia que tamén nos parecía moi atractiva desde o punto de vista visual. É certo que se deron unha serie de circunstancias que facían doado o traballo, como a existencia dun patrimonio fotográfico importante e a colaboración que atopamos no colexio da Barquiña. Sempre partimos dunha recompilación de instantáneas nun centro educativo, o que fai que os nenos teñan que investigar nos arquivos familiares. A cultura mariñeira de Noia tamén nos parecía moi interesante.

-Persoalmente, cal foi a historia que máis lle impactou?

-Sorprendeume coñecer a xente como Pepe Barrio, foi para min un gran descubrimento. El imparte toda unha lección de vida, de como despois dun accidente se pode volver a empezar e incluso chegar a ser un exemplo para todos. Tamén me chamou a atención o dinamismo que existe na vila e a hospitalidade dos veciños. O resultado é un programa moi fermoso e emocionante.

-Que pensa que é o que máis lle vai gusta á xente?

-Aos noieses vailles gustar a carga emocional do programa, as historias que hai detrás das fotos antigas e tamén ver como iso o gozan os máis novos e tamén os maiores, que ven que se valora o seu pasado. Cando remate este programa queremos facer un proxecto que teña continuidade a través de Internet, buscando que os centros educativos sigan recuperando a memoria oral e gráfica con fins pedagóxicos.

-Que virá despois de Noia?

-Pois iremos percorrendo Santa Comba, Bueu, Carral, Guntín, A Illa de Arousa, A Estrada, Maceda, Cambados e Celanova. Esta é unha primeira tempada, pero a intención é que no futuro se poida facer un Anacos de vida en cada concello de Galicia.