Juan Manuel Moreiras: «Con compromiso os resultados chegan»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

DANI GESTOSO

Do seu impulso naceu o equipo feminino do Noia, que vén de debutar o pasado domingo na Segunda División Galega

25 sep 2019 . Actualizado a las 10:41 h.

Juan Manuel Moreiras, Banana, (Padrón, 1981) afrontou, o pasado ano, o reto de dar vida ao fútbol feminino en Noia. Logo de confeccionar da nada un conxunto de fútbol-7, acabou os adestramentos con máis de 20 rapazas. Iso motivou que o club dera un paso máis. O Noia vén de debutar este domingo contra As Miúdas na Segunda División Galega, onde acadou o primeiro punto logo de empatar a dous tantos coa escuadra muradá.

-Que tal o debut?

-Pois a verdade é que na primeira parte non estivemos moi ben. Houbo moito balón dividido, pelotazos... Marcamos dous goles, pero non me gustou. Na segunda estivemos mellor, xogamos máis a bola e combinamos. Prefiro que toquen a pelota a andar a pelotazos e ver xente fóra do seu sitio. Vamos pouco a pouco. Este debe ser o noso octavo partido en fútbol-11 e As Miúdas son un gran rival. Nótase o ritmo de competición.

-Como vai o salto de categoría?

-Non é o mesmo, o campo é máis grande, non podes facer cambios continuamente e a xente acaba cansada. En fútbol-11 tes que xogar mínimo 45 minutos, algunha 90. O máis destacable é o espazo de xogo, os desprazamentos con balón e sen el. Os esforzos complícanse e hai que aforrar e administralos. Xa lles digo que non vaian a por todas dende o principio.

-Por que comezou a adestrar no fútbol feminino?

-Deixei de xogar, xa non me vía para dalo todo e non quería arrastrarme polos campos. Ese ano estiven de coordinador da base, e ao rematar fixen os títulos de adestrador, o UEFA B e o A. Tiña que facer as prácticas e díxenlle a Botana de montar un equipo feminino. Foi todo nun mes, armamos o equipo coa liga empezada, con dez xogadoras e acabaron 20. Este ano comezamos adestrando unhas 23, pero algunhas non puideron seguir por compromisos. Queríamos facer dous equipos, pero non daban as contas. Para o ano se hai máis rapazas farémolo, un en fútbol-11 e outro en fútbol-7. É mellor para que vaian adestrando as máis pequenas. As rapazas de Noia se ven que hai equipo poden animarse. Queremos que vexan que ao pasar de cadetes non teñen que deixar de xogar ao fútbol.

-E o obxectivo do curso cal é?

-Asentarse na liga e co paso dos partidos ir mellorando, aínda que xa o están facendo. Non hai metas na clasificación, queremos que o pasen ben, que intenten xogar o mellor posible e non perder o tempo. Se podemos gañar, perfecto, se non, non pasa nada. Con compromiso os resultados chegan. Sempre ganas.

-E como ve o fútbol feminino?

-Agora nun radio de 30 quilómetros hai un par de equipos e moita xente que ademais ten nas súas vilas fútbol sala. Poste a contar desde Aguiño ata a Costa da Morte e xa ves como foi aumentando. Na televisión danlle máis bola, antes era imposible. Espero que non sexa unha moda e que non caia nuns anos.

Corta e ao pé

Un xogador: Guti

Un estadio: San Lázaro, Noia

Un gol: Un de Berto de vaselina ao Portonovo para ascender a Terceira.

Un adestrador: Yago Iglesias

Un ídolo: Jairo, meu fillo pequeno

Unha película: Mellor o musical do Rey León

Un lugar: Padrón

Unha comida: Xamón asado da miña nai

Un soño: Que os fillos sexan felices.

Un equipo de lenda: O Flavia de Camilo Perol

Un deporte que non sexa o fútbol: Atletismo, practicábao antes

Unha canción: Sun is shining de Axwell & Ingrosso