Agosto, fin de ano

O poeta Ismael Ramos, autor de «Lumes», firma invitada en Fugas


Por sorte ou por desgraza, son desa xente que conta o paso dos anos por cursos. Chega decembro e quedo como estou. A resaca do día 1 de xaneiro é pouco máis ca unha tradición. En cambio o verán, máis concretamente agosto, pídeme case sempre contas. Eríxese coma esa ponte enorme entre o que puido ser e xa non foi, e o que decido comezar. Eu, por exemplo, deixei o meu traballo este verán. Un atrevemento, seino. Se cadra moito atrevemento para un rapaz de vinte e cinco anos. Todos saben que aos novos o mundo pídenos ser covardes ou moi valentes. Eu prefiro buscar un punto medio. Está a cousa complicada dabondo como para finxir ser algo que non son.

Pero non estou só nisto de romper, romper, romper (que diría o poeta Avilés). Coa chegada da calor, Olalla mudouse a Madrid despois de cinco anos emigrada en Berlín, agora pode chegar á casa nunhas cantas horas en tren ou en coche, e súa nai respira mellor. Alba regresará a Oxford para ensinar galego en setembro e aproveita xullo para enviarme fotos con seu pai á beira do Miño. Iván regresou a Noia -e á nosa adolescencia- despois de sete anos en Compostela. Adrián volve á vila dende Bruxelas, logo de traballar cunha bolsa na Unión Europea durante uns meses. Pepe regresa de Barcelona para traballar na clínica de seu pai. Andrés viaxará a diario dende A Coruña para ensinar guitarra en Vilalba. Max aprobou as oposicións e celebrámolo. E todo isto en tres meses.

Todas estas decisións. Toda esa xente nova coa que medro. Toda esa incerteza que aproveita o verán para se decantar. Porque agosto é como o final do río: a fervenza inmensa do Ézaro. Hai que estar preparados para a caída libre. Créanme, eu nunca subestimaría o poder do verán.

Quizais precisamente por iso, para prepararme, case sempre escollo consagrar as miñas vacacións a lecturas moi concretas. Iso aprendino doutro amigo: Carlos. Penso que a primeira vez que falamos disto foi no 2013. El pasou o verán relendo a Faulkner e eu pegado a libros que xiraban arredor do concepto de ferida (Bernhard, Bufalino, Ernaux). Dende entón, esta tradición repítese ano tras ano. Leo para prepararme de cara ao inverno, pero tamén para estirar as horas de luz. Leo na praia, chea de barullo. E nas noites longas, cun lapis na man.

E é que os libros, penso eu, son para o verán, coma as bicicletas, porque os dous nos axudan a pensar mellor, a ser valentes ou a decidir conservar ese pouco medo que por veces nos salva. Xa dixen antes que o mellor é non querer ser algo que non se é, que non está agosto para contos. Ou se cadra si. Eu recoméndolles, do último que lin, Incierta historia de la verdad de Xuan Bello. Alí dise que o libro pide lectores que non teñan nin pasado nin futuro, só presente intenso. Eu desexaría que oxalá nesta columna, nesta páxina de xornal, fose sempre verán. Con setembro ás portas, agardando ao final de cada liña: brillante, cheo de luz, sen estrear.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

Agosto, fin de ano