«Luras conxeladas taponaron un burato no barco»

Laura Veiga / M.G. RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

O capitán de pesca xubilado Félix González Túñez empezou na cociña e acabou de capitán de flota

25 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo fillo dun matrimonio de mar. Neto de mariñeiros por parte de nai e de pai. Todos os irmáns, profesionais da pesca. Podería ser a descrición de calquera persoa nada en Noia, mais é a vida de Félix González Túñez.

A historia comeza nunha vila onde o mar é o principal sustento das familias: «Empecei a traballar no mar en 1975, cando tiña 19 anos, como axudante de cociña. En Noia, daquela, o mar era o único traballo que había, porque non tiñamos industria nin fábricas» di este lobo de mar. Alén da situación da localidade, cun avó materno que navegaba a vela polo Atlántico e un avó paterno redeiro na casa do mar de Vigo, poderíase dicir que o mar xa era algo case xenético na familia de Túñez.

Tras unha tempada nas cociñas, comezou a súa vida de mariñeiro e, ao longo dos anos, continuou a súa formación para chegar a ser contramestre, patrón, capitán de pesca e inclusive capitán de iate. Con esta bagaxe, chegou a ser capitán de flota de empresa: «No 95, enviáronme para abrir en Namibia unha factoría onde traballaban 400 mulleres. Ademais de ser o director, tamén controlaba todas as embarcacións de fresco, conxelado, mercantes e de exportación directa a Europa. Logo fixen algo parecido en Boston e Arxentina».

Mareas de sobresaltos

As anécdotas no mar, que despois de tantos anos non son poucas, acoden á memoria do capitán en numerosas ocasións. «Fomos a Libia a facer un estudo de pesca e acabamos sacando da auga un mísil ruso. Tamén tivemos que ir a Yemen a facer outro estudo e colleunos na metade da guerra. Os soldados de Yemen do Sur rompéronnos todos os equipos do barco e botáronnos do país, así que navegamos ata Somalia con máis de vinte médicos cubanos como refuxiados».

Foron uns anos complicados para Félix González e a súa actividade marítima, e os riscos non só non acabaron aí, senón que continuaron nos diversos países que visitou o capitán. «Traballamos nas augas de Marrocos cando os saharauís pedían a independencia e atacaban os barcos españois. En Libia, un compañeiro e eu acabamos na comisaría por facer deporte en pantalón curto no peirao. Coa ditadura de Gadafi alí, a vida no porto non foi nada cómoda para nós».

Non obstante, este lobo de mar tivo a sorte de non ter que lamentar ningún naufraxio, aínda que nalgunha ocasión si que estivo preto: «Nas Malvinas, un barco golpeounos deixando un burato na bodega de oito metros de largo. Grazas ás luras conxeladas que tiñamos alí, quedou taponado ata que chegamos a reparalo».

Ademais dos numerosos conflitos aos que se enfrontaban, Túñez e a súa tripulación tampouco se libraban das inclemencias do tempo. Neste caso, o capitán lembra os acontecementos que tiveron lugar durante a pesca de bacallau en augas canadenses: «Había un temporal enorme e saíu voando unha porta de tres toneladas con tan mala sorte que lle rozou no peito a un compañeiro. Deixoulle unha ferida aberta á altura do corazón que non paraba de sangrar. Encima, o helicóptero tivo moitísimas dificultades para chegar a causa da tormenta e nalgún momento pensamos que non ía vir. Por sorte, finalmente quedou ingresado en Canadá e non houbo que lamentar nada máis grave».

Mar de Noia

No 2004, tres anos despois da súa xubilación, Túñez fundou, xunto con 200 persoas máis, a Asociación Mar de Noia e converteuse no seu presidente ata o día de hoxe. Esta asociación, formada por persoas con experiencia no mar, permitiulles abrir o Museo do Mar noiés. «No 2011, cedéronnos a antiga praza de abastos e alí puidemos abrir o museo. No 2016 pechamos e gardamos todo o material en almacéns para comezar coa construción do novo edificio. Esperamos que estea listo para finais deste mesmo ano. Durante o lustro que estivo funcionando, abríamos unicamente os xoves e os domingos polas mañás e as visitas foron de 60.000 persoas».