O Freixo empápase de cultura mariñeira

Laura Martelo

NOIA

LAURA MARTELO

A mostra estreouse a pasada fin de semana e conta con pezas cedidas por Mar de Noia

22 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O punto de atención turística de Outes, con sede no Club Náutico Francisco Rama, Fufú de O Freixo, acolle dende o pasado sábado unha mostra na que os visitantes poderán admirar os elementos construtivos do sancosmeiro, o tipo de embarcación máis representativa da zona, así como unha serie de paneis fotográficos con instantáneas antigas de navíos elaborados ao longo da ría, en concreto nos concellos de Porto do Son, Noia, Outes e Muros.

As pezas, cedidas pola Asociación Mar de Noia, destacan o papel das carpinterías de ribeira presentes no Freixo, responsables da construción dunha boa parte das embarcacións da época, moitas das cales evolucionaron cara fins turísticos.

Navegación pola ría

Precisamente unha das embarcacións mencionada na mostra é o Joaquín Vieta, destinado a cubrir unha ruta turística de preto de dúas horas que percorre a ría dende o porto de Portosín ata os estaleiros do Freixo, pasando polo criadeiro de bivalvos e as zonas de bancos marisqueiros. O navío foi construído no 1916 nas carpinterías de ribeira do Freixo, e sufriu substanciais modificacións ao longo dos anos ata o seu estado actual de embarcación turística. Tal e como comentaba Ignacio Fernández, a demanda de prazas para realizar a ruta adoita concentrarse nas fins de semana, pero considera que «deberían ampliarse as visitas a máis días porque hai bastante afluencia».

A Oficina de Turismo de Noia ocúpase da venta de tiques para poder gozar desta ruta que percorre a historia dunha industria moi relevante para os concellos bañados pola ría de Muros e Noia no seu momento.

Dende a súa inauguración, á que asistiron o alcalde de Outes, Manuel González, e o presidente da Asociación Mar de Noia, Félix González, «houbo afluencia de visitantes» á mostra sobre cultura mariñeira, segundo apuntou Ignacio Fernández, técnico de turismo. A exposición poderá visitarse ata mediados do mes de setembro.