Carmen Méndez: «Cada vez somos máis mulleres traballando como monologuistas»

Uxía Pérez / A. G. Alicia Fernández RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CEDIDA

A profesional desembarca en Noia co seu primeiro monólogo, «Outras químicas»

09 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A experiencia de Carmen Méndez como intérprete sempre sobresaíu no campo audiovisual. Cun extenso currículo diante das cámaras, esta actriz decidiu sacar o seu lado máis cómico e apostar por un proxecto no que a conexión co público sexa inmediata.

Hoxe, ás 22.30 horas, presenta no Liceo de Noia o seu primeiro monólogo, Outras químicas, título que mantén unha estreita relación cos seus anos universitarios, e que tamén conserva anécdotas moi dispares do seu traballo.

-Esta semana ten dúas citas, unha en Noia e outra en Rianxo. Que expectativas ten?

-Non é a primeira vez que presento o monólogo. A miña experiencia comezou en Fene, no Museo do Humor, e despois desta mostreino un par de veces máis. En Noia estiven en bastantes ocasións con motivo da Mostra de Curtas. Estou familiarizada co seu público, pero non de xeito humorístico. Aínda así, creo que para non desilusionarse nunca é mellor non levar as expectativas altas, e agardar a que os espectadores gocen co que unha fai.

-Por que decidiu dar o salto?

-Pois a verdade é que me tirei á piscina grazas a unha proposta que me fixeron. É o primeiro que fago, e,m aínda que sexa unha novata neste mundo, en Galicia temos moitos mestres cos que nos podemos instruír. Estou aprendendo moitísimo, aínda que non me considero monologuista, pero estou en proceso.

-Posto que é o seu primeiro monólogo, como se sente?

-Ao principio, conectar cos presentes é máis complicado, pois cada día vívese unha experiencia moi diferente á do anterior. O texto vaise modificando ás demandas do público. O que diferencia isto dunha serie ou unha película é o feedback. Este é instantáneo, e por iso podo adecuarme aos espectadores.

-Como está sendo a acollida?

-O primeiro no que penso ao saír a un escenario é en pasalo ben. Se estou contenta, os meus sentimentos transmítense ao resto. Así é como consigo que o goce sexa mutuo. O que sempre intento é atopar en min o pallaso que levo dentro e sacalo para fóra. O que non podo permitir é que haxa separación entre eu e a xente. Ás veces, aínda que non haxa gargalladas, hai sorrisos constantes, e iso tamén me enche.

-En que se inspirou co argumento deste monólogo?

-Inspireime en min mesma; na miña vida, nas miñas manías e nas miñas experiencias. Despois, o que fixen con elas foi achegarlles ese toque de humor.

-No panorama galego actual hai poucas mulleres monologuistas. Provocoulle iso algún tipo de inquedanza á hora de dar o salto?

-Aínda que sexa verdade que na maioría dos casos os homes poden ser máis mediáticos, podo asegurar que hai moitísimas mulleres traballando no sector. De feito, esta é unha verdade que está crecendo: cada vez somos máis traballando como monologuistas. Ser muller non condicionou nunca os meus nervios á hora de actuar. A pouca experiencia que teño dime que a xente rise igual diante dunha muller ca diante dun home.

-Cales son as súas citas para este verán? Actuará na comarca do Barbanza ou na Costa da Morte proximamente?

-As únicas citas que teño para agosto son en Rianxo e en Noia.

-Despois desta experiencia, ten pensado presentar algún monólogo máis?

-Aínda non rematei con este. Teño previsto mostralo moitas veces máis. A miña intención é que se vaia modificando e cambiando de forma con cada achega, pois teño pensado xogar con este texto de Outras químicas moito máis. De todos xeitos, ao estar aprendendo tanto desta experiencia, non descarto facer algún outro monólogo máis no futuro. Esta vocación de monologuista aínda está por xermolar dentro de min.