«Lograr o recoñecemento do Camiño sería un impulso enorme»

La Voz

NOIA

04 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A entidade Noia Histórica tamén ten unha implicación directa na promoción turística. Por un lado, realiza visitas guiadas pola vila, tanto en Semana Santa como en xullo e agosto, e xestiona, en colaboración co Concello, a oficina de turismo da localidade.

-As visitas guiadas que realizan teñen cada vez máis éxito. Pensan continuar nesta liña de implicación no ámbito turístico?

-A nosa intención é tirar do turismo. Coas campañas que facemos estanse a ver resultados e, pola nosa parte, sempre estamos atentos a novas ideas e temos diferentes proxectos. Ao mesmo tempo, formamos parte do Grupo de Acción Costeira, que tamén leva a cabo un importante labor de promoción e dinamización. Polos datos que temos das persoas encargadas da oficina de turismo, hai una afluencia de persoas moi elevada. Creo que estes son elementos moi positivos.

-Tamén participan en todo o relativo á promoción da variante inglesa do Camiño.

-Lograr o recoñecemento do Camiño ao seu paso pola zona sería un impulso enorme. Agardo que se consiga. Eu levo dez anos nas directivas da patronal, e Noia Histórica non parou de traballar para que se inclúa esta ruta de peregrinación. Se se consegue a oficialización, será un antes e un despois.

-Pero iso tamén implicará ter unha maior oferta, de establecementos e de servizos. Ve emprendemento no municipio?

-En Noia vexo a xente capaz de afrontar este reto e de ofertar servizos aos visitantes. Formando parte da ruta oficial do Camiño, a xente tela asegurada. Hai que ser optimista e non existe dúbida de que Noia é o porto de Compostela. É certo que a oferta de aloxamentos resulta un pouco escasa, pero estou segura de que as iniciativas xurdirán se se consegue o propósito polo que se leva traballando dende hai tanto tempo. Seguro que as iniciativas empresariais aflorarán no municipio.

-Noia Histórica é un colectivo reivindicativo. A nivel de infraestruturas, que considera que fai falla no municipio?

-Baixo o meu punto de vista, a demanda máis importante en ese ámbito é a creación de chan industrial. É básico para que as empresas poidan continuar medrando e para que haxa novas posibilidades de implantación de negocios no municipio de Noia.

-Existe demanda de chan?

-Noia Histórica fixo varias reunións de empresarios e si que existe demanda. Por falta de oferta de chan empresarial podemos perder oportunidades. Considero que este é un aspecto que debe analizarse.