Yanira Somoza: «O pequeno comercio está en declive e hai que adoptar medidas innovadoras»

Ana Gerpe Varela
A. GERPE RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A presidenta de Noia Histórica afirma que a plataforma de venda por Internet que ultima a entidade pode ser un revulsivo para os negocios

04 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha longa traxectoria familiar vinculada a firmas locais e ao emprendemento -súa nai abriu a súa propia pastelería hai 14 anos e seu pai tiña unha compañía de pavimentos e construción na que ela e o seu marido colleron a testemuña-, Yanira Somoza López (Noia, 1985) é unha muller implicada no desenvolvemento económico do seu municipio. Leva unha década vinculada ás entidades empresariais. Comezou formando parte do Punto Comercial San Lázaro que presidía Francisco Pérez, quen, ao converterse en presidente de Noia Histórica, contou con ela para formar parte da directiva. Por iso non sorprende que, precisamente, Yanira Somoza o substituíse ao fronte da asociación.

-Opina que o comercio tradicional está condenado?

-Teno moi difícil se non se actualiza e non se adapta ás novas tecnoloxías, como a venda por Internet. Eu defendo o comercio tradicional e son compradora asidua. Sería incómodo ter que mercalo todo on-line ou verse na obriga de acudir a grandes superficies, pero hai que recoñecer que a situación é complicada.

-E a especialización?

-Pode ser unha alternativa. En cidades vin casos de negocios que apostaron por iso e saíron adiante. Dende logo, dar un bo servizo é fundamental.

-Afirma que a venda a través de Internet é determinante, pero para a gran maioría dos comercios resulta pouco viable.

-En Noia Histórica somos conscientes diso e temos un proxecto, que o anterior presidente definiu e deixou practicamente pechado, que pode ser un revulsivo. Trátase de Market Place, unha plataforma, para a que contamos coa colaboración do Concello, de venda on-line. Temos xa moitas empresas anotadas e agardamos que se sumen máis. A xestión farase desde Noia Histórica e non tardaremos en presentala. Hai moitos comercios da localidade que teñen redes sociais, pero non chegan a tanto público como o que poden alcanzar deste xeito. Esta pode ser unha oportunidade única, os que queden atrás poden acabar tocados.

-Non existe ningún precedente dunha plataforma así na zona.

-O pequeno comercio está en declive e hai que adoptar medidas innovadoras. En Noia Histórica ocupariámonos de todo, devolucións, mensaxería... O único que deben ter os adheridos é un programa de xestión que se adecúe á plataforma.

-O comercio capitaliza boa parte dos esforzos de Noia Histórica, ao igual que sucede con outras entidades similares. Pensaron en facer campañas para outro tipo de sectores?

-Estou pensando na fórmula de darlle maior visibilidade a empresas que son socias e que non teñen vinculación co comercio. Resulta difícil porque pertencen a sectores moi distintos, pero considero que é importante ofertarlles cousas. De feito, temos xa algunhas ideas. O certo é que na directiva hai persoas de todos os sectores. O que buscabamos era ter unha ampla representación do tecido económico.

-E a implicación da hostalaría?

-Gustaríame que puidéramos conseguir máis socios vinculados á hostalaría. Na directiva hai empresarios deste ámbito, co propósito de impulsar a súa integración. Eu creo que resultaría moi positivo e enriquecedor o feito de levar a cabo actuacións de carácter conxunto.