Estradas panorámicas


Describir unha paisaxe, por moi cotiá que se nos presente, non deixa de ter a súa complicación. A razón, ao meu entender, radica na gran compoñente subxectiva inherente ás múltiples definicións do termo manexadas na literatura. Percepcións, emocións, lembranzas... todo un conxunto de estímulos aderezando a realidade física da contorna.

Non me equivocaría demasiado se afirmo que de facer unha enquisa entre os meus coñecidos preguntando por cales serían as súas panorámicas favoritas, as súas estampas inesquecibles da nosa contorna próxima, a maioría describirían unha postal dende un punto estático. Unha localización, un lugar dende o cal o rol de observadores interpretaríase de pé (quizais sentados, abrazados á ridícula moda do «banco máis bonito do mundo», tras respectar doentes a quenda establecida) inmóbiles explorando o horizonte.

Vou ser eu unha excepción, esa que, segundo o atrevido saber popular, confirma toda regra. Dende hai tempo, parte do percorrido diario do traballo á casa permíteme gozar dunhas vistas espectaculares dende o coche. Estou a falar dun tramo da estrada CG-1.5 que une Noia coa autovía Brión-Santiago. O traxecto, en sentido Noia, iniciaríase á altura do viaduto que sobrevoa o val do rego de Pasares, e remataría na saída 27 dirección Noia polo leste. Uns escasos tres quilómetros onde a mirada vai tecendo un mapa no que se cartografía unha paisaxe agradable, de relevo movido e imaxes dinámicas suxeitas á tiranía dos fenómenos meteorolóxicos.

Principio da escena

Así, esa escena en movemento principia logo dunha prolongada recta, tras a cal, a estrada vira suavemente á dereita trazando unha curva encaixada entre paredes de rocha moi fracturada. O plano visual, entorpecido polos muros naturais e o formigón dos pasos elevados, axiña se libera para descubrirse ofrecendo unha ampla panorámica dende o espazo aberto no que semella levitar o viaduto. Mirando cara ao poñente retrátase a ría de Muros e Noia. A retina satúrase coa silueta xibosa de monte Louro, ao fondo, lonxe, estirándose como querendo bicar a marxe oposta do litoral. Separadas hai millóns de anos pola erosión fluvial e a tectónica, só a perspectiva enganosa logra pechar a bocana da ría imaxinando un mar interior de augas tinguidas dun azul intenso nos días de sol estival. No outono e no inverno as cores das augas apáganse, tórnanse grises, e a liña do horizonte dilúese nun lenzo onde mar e ceo resultan imposibles de discernir.

Revelándose contra a monotonía da chaira mariña fica a illa da Creba. Unha penca de terra aboiando no interior da ría, con apéndices de formigón e turrando dunha estela de bateas.

Os montes que rodean o espazo costeiro estrutúranse a modo de chanzos sucesivos a diferente altura. Na marxe sur, os máis elevados conforman a inconfundible superficie chaira do monte Iroite, e por detrás deste, elevándose solitario, asoma o cumio xeométrico do monte Enxa. No sector norte, as serras dos concellos de Outes e Muros imprímenlle un carácter esgrevio ao litoral, con cumios rochosos ciscados de parques eólicos.

O espazo construído, agás as pequenas aldeas próximas ao viaduto, destácase na nosa postal co asentamento do Obre. Unha prolongación da vila de Noia que coloniza sen rubor as abas do monte de San Lois, desafiando as pendentes e consumindo a superficie dedicada ás terras de labor. Edificacións cada vez máis desconectadas tanto física como esteticamente do núcleo primixenio, medran aparentemente sen control, coma os eucaliptos, afeando a paisaxe rural tradicional.

No tramo final, antes de coller o desvío para a vila, o xiro da estrada, entobada entre altas paredes graníticas, enfróntanos de novo ao relevo ondulado da serra do Barbanza, protagonista última desta miña road movie habitual.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Estradas panorámicas