Blas Piñón: «As comisións buscan encher os campos e a París segue a conseguilo»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

A formación ten previsto levar a cabo durante este verán unhas 80 actuacións

31 may 2019 . Actualizado a las 14:25 h.

Foi, ao longo de 36 intensos anos, a voz por excelencia da París de Noia, pero as secuelas dun accidente sufrido no 2015 levaron a Blas Piñón a tomar a decisión de deixar os escenarios. Aínda así, é hoxe en día a persoa que ten a última palabra sobre todo aquilo que lle afecta a unha das mellores orquestras do panorama musical galego, unha formación con máis de seis décadas de traxectoria que nos vindeiros catro meses ten previsto levar a cabo unhas 80 actuacións en todo o territorio galego.

-Como afronta a París de Noia esta nova temporada?

-Con moita ilusión e moitas ganas. É unha temporada para a que nos adiantamos un pouco máis ca en anos pasados e xa temos listos o espectáculo e o repertorio.

-Cal é a gran novidade?

-Todo é unha gran novidade. Levamos unha montaxe totalmente diferente e un repertorio modificado ao cen por cento, no que está incluída a actualidade musical ao completo. Hai unha homenaxe a Queen aproveitando o tirón da película, que penso que é o máis potente do espectáculo, e tamén botamos man dalgúns temas de éxito de anos atrás, como os de Beyoncé e Bruno Mars. É unha montaxe viva e dinámica, que busca interactuar co público.

-Cal é o segredo para que a París siga aí arriba tanto tempo?

-Creo que o segredo é darlle á xente o que espera de nós. Fomos sempre unha orquestra de vangarda no escenario, tanto polo repertorio como na posta en escena, e o público xa espera iso, polo que non podemos defraudalo. Procuramos seguir sempre as tendencias máis actuais e non cinguirnos a un estilo concreto

-Seguen as verbenas en auxe ou xa tocaron teito no pasado?

-A crise afectou moito a este sector e non estamos nun momento excesivamente álxido. As verbenas dependen dos concellos e, sobre todo, das comisións de festas, que cada vez se enfrontan a máis burocracia e teñen tamén máis problemas económicos. Lugares onde antes había catro ou cinco días de festa agora reducíronos a dous.

-Pero a París segue a ser considerada unha orquestra imprescindible para un bo cartel...

-É unha orquestra que aínda rexistra unha gran demanda. As comisións buscan encher os campos e a París segue a conseguilo, pero está claro que non nos podemos durmir.

-Aínda hai que reservar a París de Noia con máis dun ano de antelación?

-Hai datas que si, pero non hai tanto problema de axenda coma no pasado. Chegamos incluso a firmar contratos con dous anos de antelación para as datas consideradas máis complicadas.

-Cales son esas datas especialmente complicadas?

-En Galicia son Santiago Apóstolo e o 15 de agosto. Para elas hai que reservar practicamente dun ano para outro.

-A orquestra vai estar este verán nas grandes cidades de Galicia, pero tamén en moitas localidades pequenas. A que festas acoden con máis ilusión?

-As grandes citas teñen un aliciente, pois abres o pano e ves a miles de persoas expectantes do que vai acontecer. Pero as pequenas teñen outro, pois sabes que se debe ao esforzo económico que fixeron os veciños, que ás veces xuntaron cartos ao longo de varios anos. Son centos de persoas, pero recíbennos con moito cariño. Para min ten tanto aliciente unha como a outra.

-Tivo a París que baixar o seu caché?

-Máis que baixar, non o subimos nos últimos anos, porque tamén consideramos que non hai máis para onde ir. A situación está complicada, se ben é certo que a verbena forma parte da cultura galega e entre todos temos que contribuír a mantela.

-Ten a París de Noia algunha espiña cravada, algún escenario pendente de pisar?

-Penso que non queda ningún lugar en Galicia onde a orquestra París de Noia non actuara, polo que aquí na comunidade penso que non temos nada pendente. Si é certo que nunca estivemos nas fallas de Valencia, por exemplo, nin nos sanfermines de Pamplona, pero eu prefiro as festas galegas.