Benxamín Roo: «Cando saín do seminario sentíame máis anticuado que un papiro»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

NOIA

XOAN A. SOLER

Este sacerdote di que nunca escribe as homilías, «porque o papel escravízate»

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No mes de setembro cumprirá trinta anos ao fronte da parroquia que o viu nacer. Benxamín Roo Moledo (Vilacoba-Lousame, 1944) chegou aos Tilos cando so era unha urbanización que dependía da parroquia do Castiñeiriño. «Ao chegares o máis difícil é coñecer á xente, pero neste caso tiven a sorte de que un grupo grande de veciños me convidase a unha xuntanza, e iso fíxome avanzar tres anos; porque non é o mesmo tratar ás persoas polo seu nome», segundo explica este home de Deus, que na súa misa dominical ten a uns 250 fieis.

Rememora que ao principio había moito ruído infantil e xuvenil, moita vitalidade, pero non había auga, nin autobús nin teléfono. Ata o ano 96 non se inaugurou a igrexa parroquial, a capela sacramental e a vivenda do párroco, un conxunto arquitectónico que supuxo un investimento superior aos 420 mil euros, dos que case 260 mil procedían de doazóns dos fregueses. «Foi impresionante a súa xenerosidade, todos con fillos, hipoteca… Incrible. Ata entón tiñamos as reunións, a catequese e as misas nun local veciñal», apostila este sacerdote.

Hoxe, aos 75 anos, considérase unha persoa moza e fai un balance «moi» positivo desta longa etapa: «Aprendín a ser unha persoa aberta, a estar cerca da xente e a estar sempre á escoita. Cada persoa é unha auténtica ensinanza, sexa un neno ou un maior». A súa primeira parroquia foi Oíns (Arzúa), e logo estivo nos concellos de Noia e A Baña. «Eu predico a boa nova do Evanxeo dous mil anos despois, que non é outra que estar cerca do que sofre e amosarlle un camiño de esperanza. E nunca escribo as homilías, porque o papel escravízate», indica o titular da parroquia que leva o nome de San Francisco de Asís.

Defensor de Bergoglio

Firme defensor do Concilio Vaticano II, que finalizou en 1968, o cura de Os Tilos segue as ensinanzas do papa Francisco: «Hai que mirar á xente e non á estrutura. Hai que cheirar a ovella. Por esa razón Bergoglio non é comprendido». Benxamín Roo completou a súa formación licenciándose en Psicoloxía na USC e en Matrimonio e Familia en Roma. «Cando saín do seminario sentíame máis anticuado que un papiro, así que me matriculei na universidade e propúxenme ir sempre ás clases», indica. Tamén foi profesor de Relixión nos institutos Xelmírez II, o de Pontepedriña e o de Cacheiras: «Eu aprobaba a todos. E, claro, había quen suspendía todo, menos Relixión», di a gargalladas.

Desde hai varios anos, o veterano párroco puxo en marcha as peregrinacións a Santiago, nas que habitualmente participan medio cento de persoas. En etapas de sábado, esta primavera fan a ruta xacobea de Fisterra a Santiago, a onde chegarán o primeiro de xuño. «Contido cultural, lúdico e relixioso, todo o que pode enriquecer á persoa, son as razóns polas que facemos esta actividade en contacto coa natureza», segundo destaca.

Consiliario de Cáritas Interparroquial de Santiago, don Benxamín explica que en canto hai unha necesidade acuciante en Os Tilos, a parroquia mobilízase:

«Para min é importante estar en contacto coa institución de Cáritas, onde descobres que hai unha morea de xente con necesidades de todo tipo. Aquí temos moita presenza de inmigrantes». Por outra parte, o vindeiro mes de xuño daralle a eucaristía a dezaseis rapaces e a confirmación a nove. Pero aínda ten tempo para dedicarllo ás colmeas que ten na súa aldea, e agasallar cun rico mel aos benditos.

O protagonista. Benxamín Roo é o párroco de Os Tilos. Licenciado en Psicoloxía pola USC, e en Matrimonio e Familia en Roma, foi profesor de Relixión nos institutos Xelmírez II, Pontepedriña e o de Cacheiras.

Peregrinacións. Desde hai anos organiza por etapas peregrinacións a Santiago. Esta primavera farana desde Fisterra ata a capital, a onde chegarán o 1 de xuño.