Marisol Villar: «Para que haxa confianza ten que haber estabilidade»

O partido independente concorre ás que serán as súas terceiras eleccións locais cunhas expectativas razoablemente optimistas


Noia / la voz

Marisol Villar volve estar á fronte da candidatura do NOIA, un partido independente que pode ter a clave do futuro goberno noiés como a tivo en anteriores convocatorias electorais. Proxectos realistas e para as persoas son as claves do programa co que se presentan.

-Con que perspectivas parte o NOIA nesta campaña para as municipais?

-Partimos con moi boas sensacións, sempre fomos e seremos respectuosos e prudentes, pero si que notamos uns ánimos moi superiores aos de outras citas electorais.

-Dende a súa fundación foron sempre chave de goberno, como valora o traballo realizado dentro dos distintos executivos dos que formaron parte?

-Fixemos un traballo responsable, sempre pensando no ben común e, sobre todo, dando estabilidade aos gobernos. Para que haxa confianza ten que haber estabilidade.

-Cales foron os principais logros deste mandato?

-Houbo avances moi importantes que poden cambiar o rumbo económico da vila, como pode ser esa, esperemos que inminente, declaración do Camiño de Santiago ao seu paso por Noia, a rehabilitación do Casino, a construción do Museo do Mar. Ademais, vimos como aumentou a repercusión económica das festas e coa programación das actividades culturais, así como a mellora dos servizos sociais, entre outros.

-E que cuestións están pendentes?

-A nosa prioridade é o saneamento, a mellora do abastecemento e a recollida do lixo. Son servizos polos que paga o veciño e que non son dignos dun concello coma o de Noia.

-Cales son as propostas centrais do seu programa?

-O traballo, se dúbida, e que as familias poidan mercar unha vivenda aquí para asentar poboación. Intentar potenciar o que temos e atraer turismo para que a hostalería e o comercio poidan xerar traballo. Son propostas realistas, nós nunca imos enganar a ninguén prometéndolle algo que non podemos facer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Marisol Villar: «Para que haxa confianza ten que haber estabilidade»