Xerardo Agrafoxo: «En Noia sempre houbo historiadores que nos marcaron o camiño a seguir»

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

No seu último libro resume os fitos máis importantes que marcaron a vila de Noia

08 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila noiesa non ten segredos para Xerardo Agrafoxo, que pode considerarse unha das persoas que máis coñece o seu devir, sobre o que leva escritas máis de cinco mil páxinas. Un compendio de todo ese traballo ve agora a luz en forma de libro no que narra «todo o acontecido neste municipio desde o megalítico ata a actualidade», apunta o historiador, que leva cinco anos mergullado nesta investigación.

Recoñece que non estivo só para comezar esta encomenda, posto que bebeu das fontes doutros expertos que xa o precederon, como Manuel Fabeiro, Pedro Fiaño ou Antonio Gutiérrez. «En Noia sempre houbo historiadores que nos marcaron o camiño a seguir», agradece Agrafoxo, que confesa que tivo serias dificultades para reunir nesta obra os 12 libros previos que xa leva publicados sobre distintos capítulos que marcaron a historia do concello noiés.

«Foi bastante complicado porque houbo capítulos nos que tiven que resumir 30 páxinas dun libro de 900 que fixen sobre o franquismo en Noia», sinala o autor. A este reto tamén engade outro, porque este novo traballo editorial que acaba de presentar -titulado Historia de Noia- redactouno en ton literario, «para que fose máis doado de ler e enganchase ao lector, como unha novela». Para conseguir este obxectivo, tamén achegou unha gran parte gráfica de máis de 120 fotografías e contou coa colaboración de Suso Xogaina, que foi o encargado da maquetar todo «e fixo unha pequena alfaia que dá gusto ter nas mans».

Á hora de apuntar algúns dos episodios máis importantes que marcaron a evolución desta vila, o historiador teno claro. En primeiro lugar, apunta a concesión da carta pobra que serviu para fundar o concello hai 851 anos. Tamén destaca o ano 1585, «cando Filipe II vendeu Noia a uns prestamistas xenoveses e durante 50 anos a vila estivo nas súas mans». Outro capítulo que merece resaltar ocorreu en 1846, unha data na que o Concello noiés decidiu apoiar a revolución galeguista que finalmente acabaría coa depuración dos famosos mártires de Carral.

Chegada da democracia

A chegada da Segunda República e a actuación e o destino dos alcaldes que houbo nesa época tamén teñen gran relevancia na obra de Agrafoxo, que fai un repaso da chegada da democracia ao municipio. «Noia tivo a sorte de que foi un dos poucos concellos que tivo o primeiro goberno socialista, que decidiu cambiar todas as rúas relacionadas co franquismo, un problema que hoxe teñen moitos municipios e que é de moi difícil solución», apunta o historiador noiés. Outro apuntamento a resaltar é que Noia é unha das poucas vilas nas que a alternancia política é frecuente, de feito xa pasaron polo goberno equipos de dereitas, de esquerdas e nacionalistas.

Aínda que estivo cinco anos dedicado a recompilar todos estes datos da historia de Noia, o escritor non pensa descansar e xa ten entre as mans novos proxectos. De feito está a piques de publicar dous novos libros, un sobre a historia de Berenguel de Landoira, que foi arcebispo de Compostela, e outro que recollerá as súas andanzas polo Brasil, onde estivo 45 días e percorreu máis de 4.500 quilómetros.