Fran López: O artista que debuxou o seu propio destino

O noiés tomou o relevo do mestre Laplace ao cargo dos oito erros dos pasatempos de La Voz de Galicia


ribeira / la voz

A década dos 90 acaba de arrancar e un rapaz de tan só 13 anos atópase ante as cámaras, os focos e as preguntas do presentador Jesús Vázquez no plató de Hablando se entiende la vasca. Con moito orgullo responde en galego e por primeira vez explica ante un público o porqué da súa obra, neste caso unha serie de bonecos de plastilina que retratan a personaxes da serie Los Simpsons ou das Bólas do dragón. Podería asemellar que se trata dunha anécdota insulsa, pero na traxectoria vital e profesional de Fran López Cierto (Noia, 1977) todo parece formar parte dun plan perfecto para converterse no artista que sempre soñou dende cativo.

Non obstante, quizais o último traballo ao que se incorporou non entraba na súa folla de ruta, pero o creador coñecido como Fechán non podía deixar pasar a honra de poder coller o relevo do mestre Laplace ao cargo desa viñeta pola que familias discuten no almorzo, pola que señores acoden antes aos bares para facerse con ela sen unha gota de tinta. Si, os oito erros dos pasatempos de La Voz de Galicia.

O proceso

«Rematei por chegar á conclusión de que o levamos no sangue». Así explica Fran López como prendeu a chispa da arte nel, algo doado de entender botando unha ollada rápida á evolución das paredes do seu fogar en Boiro, a onde se mudou a familia cando el era só un cativo, e que foron vestíndose coas distintas obras de cada un deles.

Aquel foi un dos motivos que o levaron a decantarse polos inicios do bacharelato artístico do agora IES Praia Barraña, para tentar ingresar en Deseño gráfico na EASD Pablo Picasso da Coruña. Porén, a historia de Fechán non se escribiu seguindo as marxes do caderno e o noiés acabou cursando Técnicas de volume.

No seguinte ano, xa podía matricularse na que fora a súa primeira opción, pero acabou tomando outra decisión vital para o seu futuro e, así, formou parte da primeira xeración de ilustradores desta escola, seguindo o paso dos seus grandes referentes, como Miguelanxo Prado.

Así foi como rematou a súa primeira etapa e regresou a Boiro, onde obtería o seu primeiro traballo como ilustrador, no Concello. Ironicamente, pasou máis tempo debuxando os trazos de planos que os de ilustracións. Mais, de forma paralela, continuou formándose e formando a outros en novas disciplinas como o muralismo, e foi unha peza clave na creación do proxecto cultural de Leñaverde.

Fran López non tardou en facer as maletas e marchar a Madrid, onde se namorou do audiovisual tras aterrar no mundo da pequena pantalla, no ámbito da montaxe de escenarios. Traballou en programas como El internado ou La tira, pero o que máis o marcou foi Los guiñoles. Despois de converterse en técnico audiovisual e versarse no manexo da steady cam, regresou a Galicia por un tempo.

O gran proxecto

O obxectivo era conseguir capital para desenvolver o proxecto que fora artellando durante todo este tempo. Claro que conseguiu emprego, pero tivo que marchar a Suíza, coma tantos outros. Iso si, para traballar instalando redes nun dos maiores centros científico do mundo, o CERN. O único asunto pendente era académico. Unha década máis tarde regresou á Pablo Picasso e titulouse en Escultura para espectáculos.

Todo estivo tan medido que o seu traballo final forma parte do proxecto ou soño que foi elaborando dende os seus inicios, uns monicreques: «Quero sacar adiante un programa infantil e xuvenil para televisión, unha mestura do Xabarín Club e de Barrio Sésamo, unha aposta polo galego, pola nosa música». E ata aquí se pode ler.

«Non quero ser Laplace, porque non podo selo», precisou Fechán, moi serio, sobre a responsabilidade do relevo, lembrando cando era el o que se cabreaba ante o xornal buscando o último erro, para entender que esa dificultade tiña que ser un tributo a manter. «Teño ido polos cafés comprobando se atoparon o oitavo erro», comentou rindo do «traballo de campo», recoñecendo que lle teñen rogado polas solucións, pero sempre se mantén estoico.

Este último adxectivo é perfecto como peche circular dun artista que debuxou o seu propio destino. Curiosamente, un camiño cheo de acertos e non de erros.

Orixe do alcume

Por que Fechán? Trátase da mutación dun vello sobrenome que unía Fresh Prince coa personaxe do cómic Shin Chan, que acabou pasando de Freshin’ Chan ao actual Fechán.

Na Rede

Os mellores traballos de Fechán pódense procurar no Facebook, buscando Fresh Caricaturas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Fran López: O artista que debuxou o seu propio destino