A marea republicana de abril de 1931 nos concellos do Barbanza

Antón RODRÍGUEZ Gallardo

NOIA

cedida

A Unión Monárquica Nacional e o Partido Liberal coparon a práctica totalidade das concellerías

14 abr 2019 . Actualizado a las 13:28 h.

Os aires republicanos tardaron en chegar ás terras barbancesas

A crecente expansión do republicanismo na España do primeiro terzo do século XX tería o seu reflexo nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931. Sen ser maioritarios, os apoios ás candidaturas republicanas serían abondo para que o Goberno do almirante Aznar considerase os resultados como un fracaso das forzas monárquicas e, polo tanto, da idea de volver á monarquía parlamentaria anterior á ditadura de Primo de Rivera que viña de rematar. O consello de ministros recoñecía a desafección da sociedade cara á monarquía no feito de que o voto urbano fora favorable aos partidarios da república, sendo contadas as capitais onde estes non obtivesen maioría. De nada servira que os fieis a Alfonso XIII gañasen fóra dos ámbitos urbanos, pois sabíase que o voto rural estaba contaminado polas prácticas caciquís (compra de votos, coaccións, falsificacións, etcétera). Inesperadamente, aquelas eleccións derivaron nun radical cambio político, concretado o 14 de abril daquel ano 31 na proclamación da II República.

Ao igual que sucedera no resto do Estado, nas cidades galegas, excepto Lugo, a idea da república prendera tamén con forza, con votacións tan rotundas como as d’A Coruña, onde os seus representantes obtiñan 34 actas de concelleiro fronte a 5 monárquicas; Ferrol, 26 fronte a 7, e Pontevedra, con 19 edís nunha corporación de 27. Pola contra, nos despolitizados municipios rurais, como os do ámbito barbancés, os resultados foran totalmente opostos. Nas poboacións do partido xudicial de Noia, onde o caciquismo -tradicional sustentador dos partidos monárquicos- tiña as raíces profundamente fincadas, as candidaturas dinásticas, representadas pola Unión Monárquica Nacional (UMN) e o Partido Liberal (PL), coparan a práctica totalidade das actas de concelleiros naqueles comicios do 12 de abril de 1931.

Concelleiros electos

Segundo datos do Goberno Civil recollidos da prensa, en Noia a UMN acadaba 13 concelleiros por 6 o PL. En Ribeira eran estes os máis votados, logrando 12 edís por 8 da UMN e 2 independentes. N’A Pobra do Caramiñal houbo igualdade entre os liberais de Acción Ciudadana e a UMN, que obtiñan respectivamente 8 e 7 concelleiros, e accedían tamén á corporación un independente e un republicano. En Porto do Son, desígnanse polo artigo 29 da lei electoral -é dicir, sen ter que votar ao non ser superior o número de candidatos ao dos concelleiros a elixir- 11 do PL e 7 da UMN. O mesmo artigo 29 posibilitaba a designación en Lousame de 14 edís monárquicos.

Finalmente, as votacións de Boiro supuxeran un rotundo triunfo para a UMN, que conseguía 16 edís fronte aos 2 do PL. Cun único concelleiro republicano electo -o d’A Pobra do Caramiñal- dun total de máis de cen, estes resultados demostraban que os aires republicanos non se achegaran polas terras do Barbanza, pese á súa proximidade a Lestrove, onde había un ano que o republicanismo galego fixara as bases da Federación Republicana Gallega, gran plataforma electoral que anhelaba a instauración dunha república e a consecución dun estatuto de autonomía para Galicia.

Afloran as devocións

Non obstante, unha vez confirmado o cambio de réxime, as devocións republicanas comezarán a aflorar, organizándose nalgúns núcleos pequenas concentracións, máis concorridas tras o cese das corporacións en vigor que, comisionado polas autoridades provisionais da República, efectuaba o comité revolucionario de Santiago.

Segundo lemos na prensa, en Noia concentrábase bastante xente nos cafés e sociedades de recreo con radio para seguir os acontecementos, e ser testemuñas, na madrugada do día 15, da substitución da corporación presidida por Germán Vidal por unha xunta provisional encabezada por Santiago Peiteado Valls. Este cambio oficializábase, xa de mañá, mediante un bando no que se proclama a II República. A bandeira tricolor izaríase na casa consistorial e noutros edificios públicos e privados, e a xornada sería declarada festiva, celebrándose pasacalles e concertos.

Ese mesmo día 15 producíase n’A Pobra do Caramiñal o cese da corporación presidida por Andrés Díaz de Rábago e a constitución dun goberno provisional integrado por socialistas, republicanos e un comunista, co xefe de telégrafos á fronte. Un dos seus primeiros acordos será a retirada da placa da praza de Alfonso XIII, efectuada aos acordes do himno galego. A bandeira tricolor ondearía no edificio de telégrafos, na sede socialista, no casino e na casa consistorial, dende onde discursaría o notario Luís Hoyos. Tras ser modificado días despois, este goberno será presidido por Ricardo Puente Castro. O resto das corporacións barbancesas serán tamén substituídas por xestoras afíns ao nacente réxime, á espera en todos os casos da celebración de novas eleccións municipais, previstas para o 31 de maio.

Verniz republicano

Ao cabo, a repetición dos comicios servirá só para darlles un verniz republicano ás corporacións municipais, pois unha vez máis, serán copadas maioritariamente polos acólitos dos vellos caciques locais, que agora integraban partidos afíns ao novo réxime. Xa fose porque os partidos republicanos se serviron dos caciques monárquicos para estender a súa influencia fóra do ámbito urbano, ou porque estes, para acadar ou manter o seu poder se vernizaron dun republicanismo de comenencia, o certo é que no fondo nada mudara respecto a etapas anteriores, dando creto ao dito de que o «cacique non é deste nin do outro réxime, é do que manda, para mandar el».

Así as cousas, a chegada da II República será vista de inicio pola cidadanía dos concellos barbanceses con indiferenza e receo a partes iguais. Con todo, abríase un panorama de liberdade que as forzas de progreso aproveitarán para xerar ilusión e intentar un cambio real.