Javier Rodríguez: «Traballamos igual polo piloto da aldea que polo mundialista»

p. bretal RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

O presidente do club organizador fixo un repaso pola historia da proba e analizou os puntos fortes desta

04 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Rodríguez (Noia, 1971) leva un cuarto de século integrado na Escudería Berberecho e un lustro como o seu presidente. Non obstante, como o resto de membros, mantén intacta a filosofía dese grupo de amigos que loita por seguir potenciando o mundo do motor, igual que cando se forxou a entidade que este fin de semana organiza a trixésimo quinta edición do Rali de Noia.

-Podería resumir a evolución desta histórica competición?

-Nos primeiros anos era unha proba sen tantos miramentos, non había tantos permisos nin coches. Incluso a escudaría non comezara organizando o rali, empezou coas subidas e as xincanas ata logo dar un paso máis cara o que foi unha evolución continua. Está claro que cada ano intentas mellorar algo en todos os aspectos, como a seguridade, que para nós é primordial.

-Que é o que fai único ao rali?

-Sen dúbida, a súa historia e o bagaxe de tantos anos que o levamos organizando, algo que se une ao trato que reciben, tanto os pilotos, como os colaboradores e os espectadores. Tamén creo que inflúe a diversidade de trazados, a seguridade e as propias vistas coas que contan as paisaxes. Cando os participantes veñen a recoñecelos circuítos vanse namorando pouco a pouco desta zona.

-Que cre que supón para a economía local e comarcal que se celebre esta competición?

-Considero que para a zona é un moi bo evento, á hora de desenvolver economicamente o seu tecido empresarial. É certo que non todas as firmas sacan o beneficio que nos gustaría, pero aínda que non gañen directamente acaban facéndoo de forma indirecta. Ademais, hai que pensar en aqueles que volven a Noia e a outros municipios despois das carreiras. A realidade é que todos os anos hai empresarios que nos adoitan dicir: «Oxalá houbera tres ou catro ralis ao ano». E para nós o Rali de Noia é un nome do que se fundou, que claro que ten a maior importancia na vila noiesa, pero tamén é certo que cada vez hai máis concellos que queren que algún dos tramos pase polo seu territorio.

-Podemos quitar un bo balance de inscrición deste ano?

-A inscrición nós consideramos que é moi boa, están todos os candidatos a loitar polo Campionato Galego, aínda que tivemos algunha baixa de renome de última hora. Xa adianto que non se trata de Tarolo -o gran Manolo Senra, pai de Víctor-.

-Ten algún piloto favorito?

-Para min todos son favoritos, porque a esencia desta carreira é que na escudaría traballamos igual polo piloto da aldea que polo mundialista. Sen embargo, e se as mecánicas responden ao que levamos visto, hai tres nomes moi claros: Víctor Senra, Iago Caamaño e Alberto Meira.

-Que é o que máis lles gusta deste ano e como se viven as últimas horas antes da proba?

-Con moita tensión e con falta de horas de sono e comida [ri]. Sinceramente, o que máis nos gusta é o día a día cos compañeiros, preparando todo para que saia o mellor posible.

Rali de noia