A xustiza tamén se escribe en galego en Noia

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Un acto serviu para lembrar a primeira sentenza na lingua da terra que se ditou neste partido xudicial

30 mar 2019 . Actualizado a las 13:44 h.

Hai catro anos, a maxistrada Lorena Tallón ditaba a primeira sentenza en galego no partido xudicial de Noia, un feito histórico que onte quixo lembrarse cunha placa conmemorativa que se colocou no edificio dos xulgados noieses. O acto, impulsado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen gabou o traballo dos que se «esforzan día a día para que as persoas galegofalantes que chegan aos xulgados se decatan inmediatamente de que o seu idioma é benvido e que poden empregalo con total liberdade e garantías».

Pola súa banda, Lorena Tallón lamentou a «anomalía que vive o galego e que aínda persiste no tempo», en clara referencia a que a Constitución establece a cooficialidade das dúas linguas. «Hoxe, 40 anos despois, non fomos quen de superar esta situación de diglosia, pese aos esforzos que se realizaron tanto dende colectivos privados como dende a propia Administración».

Pasos positivos

O alcalde noiés, Santiago Freire, falou en nome dos tres concellos do partido xudicial e recoñeceu que queda moito camiño por andar para conseguir que o uso do galego estea máis normalizado.

«Agora estamos traballando para que as policías locais realicen as súas denuncias e o seu traballo tamén en galego. Todos os pasos que demos nese sentido serán positivos», apuntou o rexedor nun acto no que tamén participou Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega, e os letrados Tania Castro e Jacob del Río.