Noia recupera o legado de Berenguel de Landoira

La Voz

NOIA

carmela queijeiro

Un ciclo de charlas analizará a historia do arcebispo francés que propiciou a construción de Santa María A Nova

22 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que naceu lonxe de Barbanza, nun castelo situado na localidade francesa de Aveyron, Berenguel de Landoira xogou un papel fundamental na historia de Noia, onde impulsou a construción da igrexa de Santa María A Nova e o trazado da muralla medieval. Por iso, o Concello, coa axuda da asociación Barbantia, decidiron dedicarlle unha nova edición, a novena, da Semana da Historia que se desenvolverá entre o vindeiro día 30 e o 6 de abril. Será un ciclo de conferencias nas que se analizará o legado do arcebispo francés, así coma outros episodios vinculados ao pasado da vila.

En xullo de 1317, Berenguel de Landoira foi nomeado arcebispo de Santiago e once meses despois emprendeu o camiño para facerse cargo do seu posto. Tratou de entrar tres veces na cidade sen éxito e, a cuarta, conseguino despois de tramar un plan de ataque desde as súas residencias en Padrón e Noia. A el se lle dedicou a torre Berenguela da catedral compostelá.

As distintas viaxes que fixo o relixioso serán analizadas o sábado da vindeira semana polo historiador Xerardo Agrafoxo no arranque da Semana da Historia. A charla, que terá lugar na igrexa de Santa María A Nova, completarase coa actuación da soprano Esperanza Mara. O 1 de abril será a arqueóloga e historiadora Isabel Filgueiras a que colla o relevo para ofrecer un relatorio sobre a vida dun pazo milenario, en concreto, o edificio do Casino.

A xornada do día 2 será dobre, pois a xeógrafa Maite Sobradelo falará da industria das papeleiras de Lousame, mentres que membros da sociedade Coluna Sanfins impartirán a charla Do monte de Froxán ao mar de Noia.

Mulleres e arte

Outra arqueóloga, Manuela Pérez Mato, será a protagonista da conferencia do día 3, que xirará ao redor das mulleres de Noia na Idade Media e Moderna. E a voz do tamén arqueólogo Xepe Torres farase oír o 4, con motivo dun relatorio titulado A chave do reino. Na mesma xornada, Concha Allut, licenciada en Historia da Arte, explicaralle ao público cales son as claves de Santa María A Nova.

O 5 de abril será o xeógrafo Pedro García Vidal o que se sume á Semana da Historia para falar da muralla de Berenguel; mentres que ao día seguinte, coincidindo co remate do ciclo, achegarase á vila Xosé Manuel Sánchez, do arquivo da catedral de Santiago, para facer un percorrido pola vida de Berenguel de Landoira e da revolta da que foi protagonista. O colofón chegará da man do artista local Serafín Marcos, que está a preparar un espectáculo de pequeno formato baixo o título Un frade de Languedoc no Portus Apostoli.

As xornadas, que onte foron presentadas nun acto que contou coa presenza do rexedor local, Santiago Freire; do concelleiro de Cultura, José Pérez, e do responsable do colectivo Barbantia, Manuel Cartea, contan coa categoría de curso homologado, que lle foi concedida pola Consellería de Educación.